Cando o Sar era unha postal

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

s

Fai cen anos, o poético río atraía pola súa beleza

11 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É o propio Libro V do Códice Calixtino quen, a mediados do século XII, empeza directamente a súa descrición de Santiago deste xeito: «Entre dous ríos, un que se chama Sar e outro Sarela, está situada a cidade de Compostela». Ou sexa, temos o espazo definido polos cauces fluviais que o rodean e nutren. Na liña seguinte, aínda continúa con máis detalle: «O Sar está ao oriente, entre o Monte do Gozo e a cidade; o Sarela está ao poñente». Son, como digo, as primeiras palabras sobre Compostela desta guía de hai máis de 800 anos, o Códice, considerado a primeira guía turística de Europa.

A imaxe que hoxe nos ilustra ten uns cen anos, é unha postal que circulou arredor dos anos 1918-20 (como nos confirma o fotohistoriador Carlos Castelao, quen apunta ao Bazar Naveira da rúa do Vilar como o probable editor). Daquela, o Sar aínda ben merecía unha postal. Pero o século XX e o seu estourido urbanístico e poboacional, violentaron de tal xeito o río -e o seu irmán menor, o Sarela- que chegaron a se converter en verdadeiras cloacas. O Sarela moito ben fixera ás curtidurías no século XIX, que, erguidas ao seu pé (hoxe todo son ruínas), converteron Santiago de Compostela, daquela, nunha potencia en coiros; pero o río quedou tan mancado que ata o alcumaban o Río dos Sapos, polos cheiros insoportables que esta industria xeraba.

Trobadores

E o Sar, o poético Sar que inmortalizou Rosalía no seu libro derradeiro En las orillas del Sar, ou Manuel Fuentes Jorge, na descoñecida novela Salomé del Sar (1931), un libro de amores prohibidos polo que, por certo, tivo que se exiliar…, o río, como dicimos, levaba décadas ignorado. Vivindo de costas a el a cidade. Ninguén ousaba baixar ao Sar e sacarse unha fotografía como a que traemos hoxe a esta páxina: oito persoas novas pousan, vestidos con traxe «de domingo», diante da poesía do caneiro e a fervenza das augas. Descoñecemos o lugar: podería ser Santiago ou calquera outro punto do río, que aquí vai ben nutrido.

E diciamos que «levaba décadas ignorado», así, en pasado, porque se abre unha raiola de esperanza. O río Sar quere volver ser unha postal. Nas Brañas do Sar emerxen sendas que nos levan a coñecer fragas inéditas, continuando o traballo que, hai uns oito ou dez anos, se fixo por recuperar tramos do Sarela (entre Santa Isabel e o Romaño un pérdese coma en ningures).

Cando as autoridades competentes poidan resolver dunha vez a depuradora, baixaremos todos ao río limpo -que belo xa é- aberto con sendas e onde poder recitar como o fixeron, na bruma do século XIII, os trobadores medievais Joam Airas, que escribiu dende Conxo: «Quando saía la raia/do sol nas ribas do Sar», ou Pedro Amigo de Sevilla , cando di: «Aquí, donde eu son natural, do Sar...».

editor@alvarellos.info