Olalla Cociña gaña o premio de Poesía Afundación con «Vestir a noite»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

O xurado destacou que o poemario achega «unha proposta dinámica e refrescante»

06 dic 2016 . Actualizado a las 13:15 h.

A escritora Olalla Cociña Lozano (Viveiro, 1979) é a gañadora da 14.ª edición do premio de Poesía Afundación, despois de que o xurado elixise por unanimidade o seu traballo Vestir a noite entre os 33 que cumprían as bases da convocatoria do certame.

O xurado, que se reuniu onte en Santiago, destacou que a obra de Olalla Cociña, presentada baixo o lema Tillandsia, é unha «proposta poética ben artellada e consciente da súa macroestrutura. Un traballo compacto con grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos». Na acta, tamén incide na «imaxinería náutica e na habelencia na clausura dos textos». Por último, explica que Vestir a noite achega ao panorama da lírica galega «unha proposta dinámica e refrescante».

O premio, convocado por Afundación xunto co Centro Pen de Galicia e co patrocinio da Xunta, ten unha dotación económica de 6.000 euros e a obra será agora publicada na colección Arte de Trobar. O presidente do xurado, Luís González Tosar, do Centro Pen de Galicia, destacou o «alto nivel» das obras presentadas nesta nova edición do certame, asegurando que «están a altura de calquera das expresións poéticas que se fan en Europa».

O director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, explicou que este premio literario é un bo exemplo da colaboración entre institucións e, deste xeito, «facer cousas pola literatura galega e pola poesía, que é un xénero grande». Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidiu en que este certame literario é «o máis importante de poesía de Galicia nestes momentos». Ademais, lembrou que o traballo verá a luz na colección Arte de Trobar, «que xa ten un sitio dentro da literatura galega».

Olalla Cociña engade o seu nome a unha nómina de gañadores na que figuran poetas como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño ou Miguel Anxo Fernán-Vello.

Outros certames

Para Olalla Cociña este non é o seu primeiro premio. Esta licenciada en Ciencias da Comunicación que reside en Santiago gañou os certames poéticos O Facho, Avelina Valladares e o Fiz Vergara Vilariño.

O presidente do Centro Pen de Galicia, Luís González Tosar, xa está pensando na nova edición, que explicou terá que ser especial ao chegar aos quince anos. Así, apuntou que deberá aportar algo a maiores, como pode ser unha maior tirada da obra ou distribución. Neste sentido, confía en seguir contando co apoio de Afundación e da Consellería de Cultura para levalo a cabo. Tamén tivo palabras de agradecemento para ambas entidades por axudar a manter este premio de poesía nos seus momentos máis críticos hai uns anos, cando debido a crise outros certames literarios desapareceron.