Otero Pedrayo no Hotel Europa

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO CIUDAD

. Fototipia Thomas< / span>

Durmiu nel a súa primeira noite en Santiago, o 30 de abril de 1905

18 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un Ramón Otero Pedrayo de 18 anos, acabado de chegar a Santiago, relata así á súa nai, por carta, o 1 de maio de 1905, as súas primeiras horas na cidade: «Paramos frente al hotel Gran Europa. Allí cené en un comedor muy bien puesto como toda la casa, en compañía de unos señores muy graves, y después pasé a mi amplio cuarto con tres camas, y ventanas a las carreteras de Orense y Coruña; delante está la casa de la Inquisición donde está instalada la ‘Tipografía Galaica’. Dormí bien, me desperté a eso de las siete, tomé café en el cuarto y me fui por las calles, con el gabán abrochado y el cuello subido, pues el viento era helado. Me afeité en la Rúa Nueva y fui a telegrafiarte mi feliz llegada».

O que chegaría a ser considerado o Patriarca das Letras Galegas, o escritor e intelectual ourensán que, xunto co pontevedrés Filgueira Valverde, quizais dedicase máis e mellores páxinas e reflexións a Santiago de Compostela, o autor dese gran poema en prosa de Santiago que é O espello na serán (Galaxia, 1966), un Otero Pedrayo mozo pasou a súa primeira noite en Compostela no Gran Hotel Europa que hoxe rescatamos nesta Fotohistoria.

O edificio está actualmente en pé, ben identificable, na praza de Galicia. A imaxe é de Fototipia Thomas, un editor de postais que comercializou esta foto arredor do Ano Santo de 1915 (agradecemos a precisión dos datos ao investigador Carlos Iglesias Castelao). Dez anos antes arribara, pois, en Compostela un Otero Pedrayo que viña a se examinar por libre do primeiro ano de Filosofía e Letras. Botou aquí só un mes e iría logo estudar a Madrid. Moitos anos despois, en 1950, había retornar como ilustre profesor de Xeografía da Universidade de Santiago.

Pero aquela primeira (e única) noite no Gran Hotel Europa quedaría gravada nel para sempre. En 1968 publicaba en Grial o texto Desvelamento de Santiago onde volve lembrar: «No Hotel, o comedor, ca alongada mesa redonda, era bon, e o ‘maitre’ dispuña con moita autoridade (...) Bruídos de conversares e canciós esnaquizadas racharon o meu durmir de mozo canso (...) Levaba no maxín o Santiago de Neira de Mosquera».

Naqueles días de primavera de 1905 non existía aínda, diante do Gran Hotel Europa, o edificio Castromil (1926-1975), nin ao seu carón o Café Derby (1927), nin diante á esquerda o Hotel Compostela (1930), no seu lugar estaba o Pazo da Inquisición ao que se refire na carta á nai; na outra banda da actual praza, o histórico hotel Petit Christian... E a praza de Galicia de hoxe chamábase daquela praza de García Prieto, pois levaba o nome do xenro de Montero Ríos.

En fin. Un Santiago ben diferente. Por certo, nese gran libro titulado O espello na serán escribe o noso autor (lembremos que foi publicado en 1966, con Franco moi vivo), con ideas agochadas entre adxectivos: «Cruzando Compostela pénsase nunha esgrevia carballeira. Un fondo de carballeira outoniza, ou de novo agromada, fai, na lonxanía íntima de todo esprito galego, unha rubricada fe de nación galega».

editor@alvarellos.info