Castelao na Cova dos Mouros

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO CIUDAD

Subiu ao Pico Sacro, con varios amigos da Estrada, en 1925

14 jun 2016 . Actualizado a las 11:09 h.

Foi un día de xullo de 1925. Esta foto apareceu publicada na revista Vida Gallega nº 288 no mes de novembro daquel ano. O texto ao pé da imaxe titulábase: «Unha excursión o Pico Sagro». A historia daquela subida ao monte contouna, trinta anos despois, un dos que aparecen na foto, arriba de todo, Manuel García Barros (Ken Keirades), escritor e xornalista de Berres (A Estrada). O autor da imaxe é o mestre de Oca, e tamén fotógrafo afeccionado, Pedro Brei Guerra. No medio, suxeitando o caxato co brazo dereito, chapeu e lentes, está o Pai do nacionalismo galego, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O resto das persoas presentes, de arriba abaixo, son o fillo de García Barros (con boina), o xornalista Xosé Otero Abelleira, o médico Manuel Nodar Magán (foi quen levou a todos no seu coche), o procurador da Estrada Manuel Castedo e, á parte do can, na boca da cova, Manuel Sinde, «un americano» seica moi falador, como o describe García Barros nas súas memorias. Todos, agás Castelao, da Estrada, a vila consorte do galeguista.

Estamos na Cova dos Mouros (así é como a denomina a información de Vida Gallega en 1925), no mítico Pico Sacro das aforas de Santiago, concello de Boqueixón. Hoxe coñécese máis ben como Burato dos Mouros ou A Cova do Pico. Como ben se di no texto que acompaña á fotografía, unha cova «que ten comezo e ninguén sabe se ten fin».

Resulta que Castelao, xa no exilio de Buenos Aires, lembrou, nun histórico día de 1948, esta subida ao Pico Sacro. Era o Día de Galicia. O acto desenvolvíase no Teatro Argentino, e el pronunciaba a súa xa mítica Alba de Groria. Nun intre desta maxistral peza de saudade da Terra, falou dun «culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai alzada simbolicamente no Pico Sacro». E con estas palabras fixou este lugar (que xa estaba amarrado á historia xacobea) como referente futuro da nosa identidade.

Castelao morre en Bos Aires, de cancro e pena, o 7 de xaneiro de 1950. Mais hoxe, cada xullo dende hai cinco anos, dúas asociacións culturais (Vagalumes e O Galo) lembran cun acto no cumio do Pico aquel día, cando Castelao visitou a Cova dos Mouros.

editor@alvarellos.info