Unha carruaxe para Hemingway

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO CIUDAD

s

O escritor aloxouse no Hotel Suízo en 1929

29 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que se traspasa o local do antigo Hotel Suízo, no número 18 de Cardeal Payá, en Mazarelos, un pregúntase: ¿Por que non lle poñerán de nome, por exemplo, «Novo Suízo»? Inauguran negocios no que fora o elegante comedor dun hotel de 1904 (propiedade de Antonio Mengotti e logo do seu fillo Alfredo) pero non contan co relato centenario que agochan estas históricas paredes. É unha mágoa. Consola ter en pé un edificio que conserva inmaculadas a harmonía de formas da arquitectura modernista na que foi concibido.

Na fachada, unha placa lembra a un dos persoeiros que aquí se aloxaron: Ernest Hemingway (tamén pernoctaron no Suízo a fotógrafa Ruth Matilda Anderson, a escritora Edith Wharton ou Torrente Ballester). Moitos descubrimos a devoción que o premio Nobel norteamericano tiña por Santiago, por Galicia, e polo Suízo, ao escoitar, en xuño de 1996, unha inesquecible conferencia de Carlos Casares onde daba a coñecer todo isto. Logo publicouna en libro. Contaba nela como accedera por casualidade, no museo de Oak Park -a casa natal do escritor, preto de Chicago- a un volume con cartas de Hemingway. Nunha delas, o americano escribía que Santiago era para el a cidade máis fermosa que vira nunca. Nada menos.

O autor de The old man and the sea (O vello e o mar) aloxouse no Hotel Suízo en agosto de 1929 (dous anos antes, ao parecer, tamén estivera aquí). O Hotel tiña moita sona daquela en Compostela. Coidaba aos seus clientes mesmo proporcionándolles carruaxes para desprazárense, como o que nos mostra esta imaxe (unha postal editada por Fototipia Thomas que circulaba por España en 1926 pertencente á colección de Carlos I. Castelao). Mágoa que non teñamos nela ao escritor. O Suízo dispuña de máis trinta habitacións (o interior dunha delas coñecémolo grazas a unha foto de Ruth Matilda Anderson) e un elegante comedor. Dicía Hemingway: «Boa pensión por dez pesetas, boas habitacións, marabillosamente boa, maldita cidade, e fermoso país montañoso, Galicia».

Conta Casares que Hemingway acabou aquí de corrixir as probas de A farewell to arms Adeus ás armas. E aínda hai máis: naquel O vello e o mar dos seus días derradeiros, quizais a súa mellor obra, o vello mariñeiro chámase, ¡como non!, Santiago.

editor@alvarellos.info