A obra de Manuel María soará en Salgueiriños e no casco vello

r. m.

SANTIAGO CIUDAD

«A Berenguela» con música. Nani García (centro) y Miguelanxo Prado (dereita) reinterpretan a obra de teatro infantil de Manuel María, presentada onte.
«A Berenguela» con música. Nani García (centro) y Miguelanxo Prado (dereita) reinterpretan a obra de teatro infantil de Manuel María, presentada onte. Xoán a. soler

A homenaxe ao poeta lugués unirá o día 17 recitais poéticos, música e paseos culturais

12 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Santiago lembrará o día 17 a Manuel María, o poeta lugués ao que se honra este ano coa xornada das Letras Galegas, en torno a distintos espazos públicos nos que a súa figura e a súa vinculación con Compostela compartirán protagonismo coa súa obra. Porque esta soará dende Salgueiriños ata o casco vello en senllas actividades nas que se porá voz a composicións do autor de Outeiro de Rei.

Cinco residentes da rúa que leva o nome do poeta, no barrio de Salgueiriños, abrirán a programación municipal do Día das Letras compartindo co resto da veciñanza un recital poético (11 da mañá) ao que porá fin unha actuación da Banda de Música.

A agrupación musical estará de novo ás 19.30 en Praterías, neste caso acompañada por Cantigas e Agararimos, para fusionar os seus acordes co das gaitas e o coro da agrupación folclórica. Será logo do acto central da xornada, o paseo-recital que ás cinco da tarde convocará no Obradoiro a Comba Campoi, Olalla Cociña, Rosalía Fernández, Montse Dopico, Miro Villar, Laureano Araúxo, Lara Rozados e Manolo Portas para iniciar un percorrido cultural con paradas na Quintana e San Martiño Pinario nas que se dará lectura a versos da obra Poemas a Compostela. O público tamén poderá participar. A música porá fin igualmente a este recital poético, e neste caso cun texto dese mesmo título musicalizado por García MC, compoñente do colectivo hip hop Dios Ke Te Crew.

«A intención é que a celebración do Día das Letras sexa a da obra do autor homenaxeado, e non da súa figura sen máis», segundo apuntou a concelleira de Cultura, Branca Novoneyra, na presentación onte co alcalde, Martiño Noriega, dun programa que máis aló da ámbito literario tamén incidirá no fomento da lingua a través do concurso fotográfico #fotolingua, que co lema #ogalegovende busca reflectir, e motivar, o uso do galego nas empresas locais. As imaxes (de carteis, etiquetas, anuncios...) presentaranse a través dos perfís do concurso en Facebook ou Instagram ata o 24 deste mes. Haberá dous premios e os agasallos serán senllos teléfonos móbiles.