«Os concellos asignan poucos recursos a políticas de xénero»

SANTIAGO CIUDAD

A doctora en Ciencia Política sostén que o 35 % dos municipios detectou áreas da muller, centros de información no 37 %, e consellos de participación só nun 10 %

18 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Natalia Paleo é nova doutora en Ciencia Política, tras defender con éxito na USC unha tese sobre As políticas municipais de xénero. Nivel de desenvolvemento e variables explicativas no caso galego, orientada polas profesoras Isabel Diz e Sara Berbel. Investigou durante máis de catro anos e centrou o seu traballo na lexislatura 2007-2011: «Analizo concretamente tres aspectos: a institucionalización, para ver se hai organismos específicos para levar a cabo esas políticas nos Concellos; os obxectivos que perseguen esas políticas, e os ámbitos de actuación», afirma.

-¿Como é a situación dos concellos galegos no desenvolvemento de políticas de xénero?

-O 76 % dos municipios galegos responderon que levaban a cabo políticas de xénero no ano 2010. O estudo detectou tres tipos de organismos específicos para promover estas políticas: as concellarías, os centros de información de mulleres, e os consellos de participación.

-¿Que ten maior presenza?

-Hai diferentes niveis de implantación: un 35 % dos municipios dispuñan dunha concellaría ou área da muller; os centros de información estaban nun 37 %; e os consellos de participación tiñan unha implantación moi baixa, só no 10 % dos municipios, e todos os que os tiñan eran concellos de máis de 5.000 habitantes, e das provincias da Coruña e Pontevedra.

-¿Inflúe o tamaño dos concellos no desenvolvemento destas políticas?

-Si que inflúe, canto máis grandes son os municipios máis posibilidades hai de que as políticas de xénero teñan un maior desenvolvemento. E tamén comprobei que nas provincias da Coruña e Pontevedra hai máis concellos que fan por conseguir obxectivos nesta área de actividade.

-¿Dedican os concellos moitos recursos para estas políticas?

-Un dos problemas fundamentais e unha das maiores queixas é que os concellos asignan poucos recursos a políticas de xénero. Moitos dispoñen dun orzamento moi pequeno, e o persoal ten dedicación en condicións moi precarias: sempre son mulleres, con contratos parciais, temporais. Este é un dos obstáculos fundamentais que se revela non só en Galicia, tamén en España; e iso representa un hándicap para poder consolidar estas políticas.

-¿Que outros factores destaca neste estudo?

-Unha conclusión é a influencia da cor do partido político, pois os situados máis á esquerda normalmente promoven máis estas políticas de igualdade de xénero. Outro factor que analizo é a presenza de mulleres en cargos electos, e conclúo que cantas máis mulleres sexan electas nos cargos de representación dos concellos, máis se favorece que as políticas de xénero se desenvolvan.

NATALIA PALEO DOUTORA EN CIENCIA POLÍTICA