Juan David Díaz López: «San Lourenzo é o pazo descoñecido»

SANTIAGO CIUDAD

ALEXIS REY

O historiador recolle no libro «El pazo de San Lourenzo de Trasouto» as orixes do monumento e os segredos que hai tralos seus muros

04 nov 2015 . Actualizado a las 11:54 h.

Juan David Díaz López (Lugo, 1982) saca o po ao pasado compostelá coa publicación de El pazo de San Lourenzo de Trasouto. De oratorio franciscano a retiro señorial, coeditada por Givery e o Consorcio de Santiago, a cal abre con este libro unha nova colección bibliográfica de divulgación sobre o patrimonio da cidade.

-¿Cal é o aspecto más descoñecido do pazo de San Lourenzo?

-En xeral, o de San Lourenzo é o pazo descoñecido de Compostela. Aínda que é un monumento orixinalmente franciscano que aparece recollido nas vellas guías, e mesmo se lle fai un relato de carácter lendario, á hora de desenvolver a miña investigación atopeime con que moita xente descoñecía o propio pazo e non sabía sequera onde estaba.

-No libro fai un percorrido polos seus ocupantes máis ilustres, como o emperador Carlos V ou a raíña Fabiola de Bélxica, ¿qué pegada tiveron no monumento?

-O paso de Carlos V está recollido nunha placa no zaguán do edificio e vai un pouco na liña co carácter recollido e ascético do lugar. É un lugar que orixinalmente se estableceu como eremitorio. Carlos V cando se dirixe a este pazo en 1520 vai buscando ese retiro, porque era un rei moi afeccionado aos mosteiros e á vida monacal, aínda que este non deixa de ser un feito puntual e anecdótico da historia do pazo. Ben é certo que, a partir de 1880, o edificio volveu a albergar a habitantes aristócratas. Unha delas foi a raíña Fabiola, que por cuestións familiares e a conexión que ten cos propietarios actuais do pazo acabou pasando alí tempadas estivais.

-Coa desamortización case se converte nunha ruína romántica...

-Así é. Entre 1835 e 1880 foron os anos escuros do monumento. Despois da exclaustración e de que se botaran fóra aos monxes franciscanos, pasa unha tempada en terra de ninguén. Durante un tempo foi cuartel militar de carabineiros e tamén serviu como parroquia do barrio. Dánselle diferente usos pero está practicamente abandonado e cheo de maleza, dando un aspecto moi pobre e moi ruinoso. Sen embargo é un momento no que se empeza a revalorizar o monumento, que aínda non era pazo, dende unha mirada romántica. Unha das escritoras que o fixo foi Rosalía de Castro, a quen lle gustaba ir a retirarse alí ata que se encheu de operarios e se fixo residencial.

-¿Cal foi a etapa máis complicada de documentar?

-A época medieval dos primeiros tempos do pazo, dende 1216 ata a chegada dos franciscanos a finais do século XIV. Foi unha época moi envolta en elementos lendarios, como a referencia ao arcebispo de Santiago, Pedro Muñiz, do que se di que se dedicaba á maxia negra. Dise del que viviu recluído neses muros por orde do papa a principios do século XIII, aínda que non é seguro que fora así. Probablemente pasara tempadas alí libremente, porque era un home ilustrado.