«Moitos dos mellores estudantes van para universidades de fóra»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Ubaldo Rueda foi confirmado catro anos máis como director do instituto Rosalía<span lang= es-es >. </span>
Ubaldo Rueda foi confirmado catro anos máis como director do instituto Rosalía. ÁLVARO BALLESTEROS< / span>

O director do IES Rosalía de Castro propón mellorar o atractivo da cidade para gañar alumnado e visitantes

04 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«O meu obxectivo sempre foi defender un ensino público, galego e ambicioso», afirma Ubaldo Rueda, director do IES Rosalía de Castro desde 1985. Confirmado 4 anos máis por Educación, di comezar a nova etapa «coa mesma vontade e ilusión do primeiro día». Resalta como puntos principais da súa xestión a restauración do edificio do instituto, implantar o bacharelato internacional, os premios San Clemente e Bento Spinoza, promover as artes escénicas, as exposicións, os proxectos científicos e tecnolóxicos, e a lectura, ou consolidar un club deportivo aberto «e ante todo ser un espazo onde todos nos encontremos a gusto», afirma.

-¿Está satisfeito do conseguido?

-Estou satisfeito do resultado dun traballo coral, con moita participación de docentes [cita máis de 20, implicados neses proxectos]. Tentamos transmitir ao alumnado que desde un centro de ensino público de Santiago podemos estar no mundo global coa mesma forza e posibilidades que en Tokio, París ou Nova York.

-¿Como comezan a aplicar a Lomce e que opina desta lei?

-Penso que é unha lei moi precipitada, que se fixo con pouca reflexión, á que non lle vexo obxectivos claros, e que non soluciona ningún dos problemas do ensino. Fixemos esforzos para nos adaptar, con moitas cousas provisionais, que haberá que mudar.

-Estrean un novo ciclo superior de FP, ¿pensan solicitar máis?

-As instalacións e recursos que temos non permiten solicitar máis, o centro está utilizado ao máximo das súas posibilidades.

-¿Integran ben alumnado de ESO, de 12 anos, e adultos de FP?

-Sen maiores problemas. A relación entre idades diferentes é enriquecedora, e estudantes dos ciclos de FP colaboran nas actividades do centro. Os horarios tamén son diferentes; o da FP coincide máis con outra oferta para adultos.

-¿Que proxectos novos ten?

-Unha prioridade agora é o proxecto lingüístico. Somos ambiciosos e queremos que o alumnado domine ben o inglés, o francés, o alemán e o portugués. Neste curso, 25 estudantes realizan estadías longas, de 3 ou máis mese, en Inglaterra, Irlanda, Canadá, Estados Unidos, Alemaña e Francia, para mellorar o idioma. E buscamos consolidar novas estruturas para fomentar as paixóns artísticas e científicas.

-¿Manterán o esforzo para o proxecto deportivo?

-É outra aposta forte. Temos sobre 500 deportistas en competicións de base e o curso pasado foi magnífico, con dous equipos campións de España. Pedimos que nos deixen traballar, sen operacións como a organizada polo que se chama Obradoiro-Peleteiro.

-¿Como é iso?

-Pepe Casal e o colexio Peleteiro, co aval do Obradoiro, tentan desmantelar, con total falta de estilo, o que facemos con moito esforzo e ilusión, con vellas formas que pensaba desterradas. Unha boa canteira hai que a formar, non se rouba.

-¿Como ve a cidade de Santiago?

-En Educación, a USC debe ser a principal marca de identidade, e lamento que moitos dos nosos mellores estudantes vaian para Madrid, Barcelona e outras de fóra por falta de oferta atractiva aquí. E o Concello debera facilitar a inserción de estudantes de aquí e que veñan de fóra. No aspecto cultural, pediría imaxinación para encher contedores como a Cidade da Cultura, con iniciativas como fixo por exemplo Málaga; sen restricións como que o Casino non poda utilizar o seu piano para concertos, algo insólito en Europa. E mellorar a acollida de visitantes e peregrinos, máis alá do esforzo da Igrexa.