«As causas da pobreza son aquí as mesmas que no Terceiro Mundo»

SANTIAGO CIUDAD

Leva case 30 anos combaténdoas dende as oenegués e a Administración

24 ago 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

Xosé Cuns empezou con 20 anos como voluntario de base en oenegués e con 38 uniu o que entende como unha «obriga» coa súa labor profesional. O compostelán aparcou a empresa privada para traballar dende a Administración como responsable técnico de proxectos de cooperación internacional e agora dirixe a Rede Galega de Loita contra a Pobreza.

«Non estou aquí por voluntario nin solidario, estou porque considero que é a miña obrigación ética facer algo cando hai en Galicia 650.000 persoas nunha situación de pobreza e exclusión evitable», di. O veciño de Fontiñas considera que sería tan ridículo aplaudir a súa dedicación coma facelo se un condutor se detén nun paso de peóns cando o está a cruzar unha muller cun carriño de bebé. «A ninguén se lle ocorre acelerar nese caso porque hai vidas en xogo e deter o curso é o normal», engade

O seu primeiro contacto co mundo da exclusión social foi de neno, cando estudaba en La Salle, acompañando a Cáritas a levar alimentos ás familias necesitadas. «Aínda que o sistema non é para nada o que defendo, o certo é que foi o meu primeiro contacto coa pobreza e esa imaxe conseguiu impresionarme», recorda. Pero foi nos seus anos de universitario, entre clase e clase de Económicas, cando realmente comezou a involucrarse.

Alí, xunto con outros alumnos da USC, fundou a oenegué Estudiantes Solidarios, dirixida á formación de estudantes e profesores en temas de pobreza internacional. E tamén foi neses anos cando se sumou ás filas da base do voluntariado dende Manos Unidas. Naquel histórico edificio do número 18 da rúa do Vilar comezou a súa carreira contra a pobreza e a exclusión, hai xa preto de 30 anos. «Aquilo marcoume á hora de aprender a falar en público e traballar en equipo, pero sobre todo ideoloxicamente, polo discurso das señoras de Manos Unidas, nada asistencialista e moi adiantado ao seu tempo», sinala. «Especialmente o de unha, Piluca, que é capaz de non volver a dirixirme a palabra se sabe que falei dela. Esta muller leva dende o 67 dándolle caña ao bispo e segue exactamente igual», engade con voz entusiasta.

«Todo o que vivimos alí, coa crise, o axuste estrutural da débeda externa e o recorte en gasto social en América Latina na década dos noventa o estamos a ver aquí exactamente igual vinte anos despois. Os que levamos tempo en cooperación o coñecemos de sobra», incide. Xosé asegura que o relato se repite, unha e outra vez, con distintas caras. «As causas da pobreza son aquí as mesmas que no Terceiro Mundo», afirma, logo de haber coñecido de preto ambas realidades.

«Co tempo aprendín que as guerras da pobreza non se ganan indo a catro manifestacións, por moi intensas que sexan, e non hai que deprimirse. O que funciona é o traballo continuo e constante do día a día, como o de Piluca», subscribe.

O director da Rede Galega de Loita contra a Pobreza asegura que, entre as poucas cousas boas que trouxo a crise, está «que a sociedade abriu os ollos para ver que a pobreza non queda tan lonxe, porque que nunca, nin nos mellores anos de bonanza, baixou en España do 17 %».

Compostelanos en su rincón xosé cuns traba

Xosé Cuns Traba

48 anos

Economista e director da Rede Galega de Loita contra a Pobreza