«O título da USC, no mercado, vale»

Juan María Capeáns Garrido
JUAN CAPEÁNS SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

ÁLVARO BALLESTEROS

É a faciana e a voz dunha Universidade con poucas boas noticias que dar

31 may 2015 . Actualizado a las 00:21 h.

O posto de José Pereira é ben complexo. Tócalle poñer a cara ante a sociedade para dar conta de todo o bo que pasa na Universidade de Santiago, «que é moito», pero tamén para as malas noticias que xera a etapa máis difícil da institución académica nun apartado, o económico, que afecta transversalmente a catro mil traballadores, 25.000 «estudantes-clientes» e ás ilusións de familias que confían a educación superior dos seus fillos á USC «con esforzos tremendos». 

?Érase un home a unha mala noticia pegado...

?Son momentos difíciles e hai que tomar decisións duras, e despois de tomalas hai que comunicalas. Todas son opinables, pero debemos traballar ben coas explicacións para que a comunidade teña a súa opinión sobre unha información veraz. 

?¿Non lle tenta gardarse o negativo como fan a maioría de responsables de comunicación de empresas e institucións?

?Se pretendemos dar só as boas novas podemos caer nun burato que acabe por sepultarnos. Pero ollo, que tamén hai boas noticias: aprobamos por fin uns orzamentos... aínda que moi restritivos. Esa é a mala noticia dentro da boa, pero é que traballamos no ámbito das posibilidades, e agora tocaba abrir todos os paracaídas para evitar ir polo precipicio. 

?¿Para cando unha boa noticia no económico?

?Este mandato é de control sobre o gasto, de medidas duras, pero buscando o enganche do crecemento, porque non podemos perder o tren do emprendemento e da innovación investigadora e docente. 

?¿Para cando, logo?

?Para dentro de cinco anos, xa ves, máis alá deste mandato. Está perfectamente medido no plan de equilibrio, pero hai que cumprir ata entón. 

?Semella que, se é certo que as empresas e as institucións están saíndo da crise, a USC vai un pouco a destempo.

?É probable. A situación é mala, pero está controlada, esa e a parte boa. O recoñecer a débeda cos bancos e acredores foi un traballo de información e transparencia: dixemos, é certo, temos un problema, pero somos xente seria e esta é a solución que aportamos nun documento aprobado pola Xunta e a comunidade universitaria. Agora toca cumprir ese compromiso.

?Iso choca coa corrente do «austericidio».

?Eu non falo de austeridade, odio esa palabra, primeiro por estar relacionada cun sentido católico da vida que debe limitarse ao ámbito persoal e non ao social; e tamén significa pasar fame para aforrar. E non, nin aforrar podemos porque non temos nada. Iso hai que entendelo.

?Levan case un ano en San Xerome. Ademais dos cartos, ¿que outros atrancos atoparon?

?Nun ano tivemos tempo de entender como funciona a institución. As universidades, ao meu entender, están hiperburocratizadas, cheas de organismos democráticos, departamentos e grupos de investigación, e algúns xeran ingresos e outros non. Poñer a semente, aguantar os primeiros anos dun proxecto de investigación... todo iso tócalle á universidade pública. E aí si hai boas noticias: creamos case unha spin off ao mes, e a produción científica e a calidade case non se resentiu.

?¿Como pode defender o prestixio dunha institución e ao mesmo tempo airear todo o tempo o mal que están as súas contas?

?É peor que un banco embargue as contas por non pagar. Iso si xera un desprestixio. O prestixio, de cara aos estudantes, conséguese cando o alumno sae de Santiago pensando que tivo unha boa formación. Cando acaban, non están convencidos de todo, a satisfacción é media, está comprobado. Pero cando dan os primeiros pasos no mercado laboral a percepción mellora. Vén que poden traballar e competir cun que estudou en Barcelona ou no estranxeiro e valoran máis á USC. No caso da investigación, que é o que lle interesa aos sectores empresariais e industriais, a cousa vai por parroquias: nalgunhas somos impresionantes, como en Matemáticas ou Medicina Forense, e noutras áreas estamos mal. Con todo, o título da USC, no mercado, vale.