«A revisión do Plan Especial debe protexer máis os xardíns históricos»

SANTIAGO CIUDAD

Propón que a cidade se fixe en Florencia, Aranjuez, Francia e outros países

10 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«A conservación do patrimonio cultural galego require investimentos moi elevados. E nas actuacións que se promoven, é máis fácil que se restaure unha catedral ou unha igrexa románica e non un xardín. Aos xardíns históricos non se lles dá importancia. E estaría ben que unha cidade como Santiago se fixase en Florencia ou en Aranjuez, que teñen xardíns declarados Patrimonio da Humanidade; ou no xardín paisaxista inglés, considerado un tesouro nacional; ou en Francia, e en Portugal, onde tamén hai organizacións e iniciativas que promoven visitas, estudos, e outros actos, pois supoñen unha riqueza importante», afirma o arquitecto Ricardo Varela. Foi convidado polo Ateneo para falar dos xardíns históricos de Compostela e da súa protección como patrimonio cultural.

-¿Como se deben protexer os xardíns históricos?

-Hai que promover a súa declaración como ben de interese cultural. En Galicia hai 7: dous en Vigo, e outros na Coruña, Betanzos, Vilagarcía, Caldas de Reis e Padrón. En Compostela hai xardíns que teñen recoñecida protección só pola súa proximidade a monumentos de interese, non pola súa singularidade e valor como xardíns históricos, como o do pazo de San Lourenzo ou a horta do arcebispo.

-¿Que xardíns históricos de Compostela destaca?

-Hai moitos valiosos. Outros están esquecidos, como o que existiu no pazo de Bendaña até a década dos 50 do século pasado, que eu defendo que se recupere, porque se sabe como era o proxecto orixinal do século XVIII. O do pazo de Amarante foi estragado. En San Martiño Pinario hai axardinamentos de interese. O de Fonseca debería ser restaurado. Destaca o da familia Moreno, na rúa Virxe da Cerca, onde se vai facer o albergue do Proxecto Home, que é unha xoia e hai que procurar que non se destrúa. Ou o da finca Vista Alegre; o da finca do Espiño, do que tamén se conservan planos do século XVIII; os dos conventos monásticos... e outros en concellos próximos.

-¿Propón algunha iniciativa urxente para actuar neste ámbito?

-Si, hai que chamar a atención e avanzar na protección destes xardíns. Agora, en Compostela, a revisión do Plan Especial da cidade monumental debe protexer máis os xardíns históricos; esta é unha boa ocasión para que se faga un inventario e actuar, pois se non se protexen hai maior risco de que se destrúan. Aquí, como en toda Galicia, hai moito por facer neste ámbito.

-¿Por que defende con tanto interese a súa protección?

-Porque un xardín é tamén unha obra de arquitectura, un ben cultural. Son arquitecturas vexetais que, polo súa fraxilidade, é máis fácil que se destrúan. É por iso que a maioría están destruídos ou moi danados. E estes xardíns teñen tamén valor polo que achegan a outro patrimonio, como o sonoro, ou o odorífero.

-¿Que se conservan mellor, os xardíns históricos públicos ou os privados?

-Todos teñen problemas. Nos que son públicos en Santiago tamén houbo actuación que considero desafortunadas, como a que se fixo no de San Roque, que tiña recoñecida protección expresa para algúns elementos que se destruíron, cando se debían restaurar; ou a cafetería da Alameda.

-¿Houbo algunha intervención valiosa?

-Si que houbo; por exemplo a restauración en San Martiño Pinario por Álvaro Siza e Isabel Aguirre, que é unha excepción. Ou a Ruta da Camelia, que inclúe a Alameda de Santiago e que é unha iniciativa moi válida e confío que prospere e se consolide. Tamén hai algún estudo, como o de Carlos Rodríguez Dacal do xardín de Padrón, entre a pouca bibliografía que se pode destacar.

ricardo varela arquitecto

«Os xardíns tamén teñen valor polo que achegan a outro patrimonio, como o sonoro»