En 22 concellos lucenses non se visaron pisos no primeiro semestre

Cristina López LUGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PRADERO

Case a metade das 281 vivendas certificadas corresponden á capital

06 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A actividade de visado de vivendas en Galicia continúa o seu descenso. Por provincias, o número de vivendas visadas no primeiro semestre do ano polo servizo de control e supervisión documental do Colexio de Arquitectos foi de 687 na provincia da Coruña (41,64%); 559 en Pontevedra (33,88%); 281 en Lugo (17,03%); e tan só 123 vivendas visadas en Ourense (7,45% do total galego).

O número de vivendas visadas nas sete maiores cidades galegas foi o máis baixo dos últimos trinta anos. Só supera as expectativas Santiago de Compostela, con 138 vivendas visadas nos primeiros seis meses de 2012, Vigo con 128, Lugo con 108 vivendas e A Coruña cun total de 107. A cidade de Ourense destaca en negativo con só 17 vivendas visadas, xunto a Ferrol que presenta 30 rexistros e Pontevedra con 58.

Por comarcas e concellos

A análise por concellos revela que se repite o nivel de inactividade acadado en anos pasados e que representa o maior da década. Na provincia de Lugo foron 22 os concellos nos que non se rexistrou o visado de un só proxecto de vivenda no primeiro semestre do 2012. Ocorreu así por exemplo, en catro dos seis municipios da comarca dos Ancares ou noutros catro dos sete que conforman a comarca sarriana.

Neste primeiro semestre do ano volveu cobrar forza a actividade rehabilitadora, sobre todo na provincia de Lugo, onde representa un 52% do total. En detalle, os concellos máis rehabilitadores son: Lugo, con 71 actuacións de vivenda; Vigo con 48; A Coruña con 17; Santiago con 16; Vilagarcía con 15; Foz con 12; e Ferrol e Ribadeo cada un con 9 proxectos de restauración.

Polo que respecta ao número de promocións, verificase tamén a tendencia ao descenso, aínda que o concello de Lugo se destaque con 75 vivendas colectivas (o 12% do total de Galicia). Sobresae igualmente o concello lucense entre os de maior número de vivendas unifamiliares visadas no primeiro semestre, cun total de 30, ou o que é igual o tres por cento do total de Galicia. No conxunto da provincia luguesa foron 158, o 56% do total das vivendas visadas.