«Confío nas conexións a A Sionlla porque se non a xente non compra»

SANTA COMBA

Chenel acaba de ser reelixido presidente da asociación de empresarios do Tambre.
Chenel acaba de ser reelixido presidente da asociación de empresarios do Tambre. Álvaro Ballesteros< / span>

Afirma que Santiago non vive da Catedral e si das áreas empresariais

24 may 2015 . Actualizado a las 13:28 h.

Jesús Chenel seguirá ao fronte da área industrial do norte da cidade durante catro anos máis. Considérao case unha obriga, tras catros anos iniciais fondamente afectado pola crise e con limitadas posibilidades de manobra.

-Segundo treito presidencial para completar, ¿non?

-Presenteime para outros catro anos porque houbo unha crise xeralizada nese período, e entón neses catro anos non fixemos cousas que debíamos de ter feito por culpa desa crise. Por iso síntome animado para seguir e recuperar o non feito.

-¿Cales son eses obxectivos polos que vai arrincar?

-Unha das primeiras cousas que farei cando o goberno local estea formado é ter unha reunión con todos os grupos e explicarlles as necesidades e directrices do polígono para que todos as coñezan e se discutan. A partir de aí, unha prioridade fundamental é que se conecte o polígono de A Sionlla coa autopista e a autovía de Lavacolla, e coa N-550. Xa temos adxudicada a obra de ampliación do acceso ao Tambre e xa falamos coa empresa. Espera mos que mesmo antes de agosto comece a obra. Logo é primordial tamén a conexión do polígono coa estrada de Santa Comba para nós e para os veciños da avenida de Castelao. Con estas obras vai estar esta parte da área empresarial ben comunicada.

-¿Ten futuro A Sionlla sen esas conexións?

-Falámolo xa cos grupos políticos. Non hai un chan como ese en Galicia. Está estratexicamente moi ben situado, no centro de Galicia. É un luxo para as empresas que se instalen aí. Pero se temos ese solo e non dispoñemos de boas comunicacións, a xente non se atreve a comprar. É un polígono atractivo pero ¿por onde saio? ¿Por onde entro co camión? Teño o convencemento de que iso se vai solucionar antes de que estea a pleno rendemento, porque senón será o caos. Aí vanse crear moitos postos de traballo e eses empregos créanos as empresas.

-Santiago non é so a Catedral.

-Temos que saír da Catedral, Santiago non é a Catedral, esta é unha parte importante da cidade. A día de hoxe Santiago non vive da Catedral, nin pode facelo. Nin da Universidade, que é moi importante para Compostela. Temos que abrirnos a crear empresas, a atraer á xente da comarca, debemos ter boas comunicacións coa contorna de Santiago. Para que Santiago sexa máis que catro rúas hai que crear empresas e empregos. Nós traballaremos para a expansión dos polígonos.

-Houbo unha forte demanda de solo no seu momento.

-Santiago tivo o gran problema de estar tantos anos sen chan industrial. Se chega a telo cando a economía ía polas nubes, onde non había un día a semana no que a xente non chegase aquí preguntando por solo, isto sería moito máis extenso. Non podemos caer nese pecado grande outra vez. Entón trátase de ir iniciando estudios para trazar o futuro e pedimos, se se vai levar a cabo o peche do periférico, destinar un área de solo industrial nesa zona, onde hai solares amplos e axeitados para o crecemento con pouco custo expropiatorio. Mesmo lle propuxemos no seu día ao director de Demarcación de Carreteras que, se se executa o proxecto viario de Ordes a Padrón, que veña polo polígono do Tambre e aí aproveite para facer o periférico e o cinto da cidade. E nós, a súa vez, aproveitaríamos para a creación de novo solo industrial.

jesús chenel noya presidente da asociación de empresarios do polígono do tambre

«Antes entrabas nun banco e o director da oficina escondíase. Agora xa chama el»