Seis xalleiras explicaron aos escolares como é a súa profesión relacionada co mundo da imaxe

Emilio Forján SANTA COMBA

SANTA COMBA

A actriz Isabel Blanco ou a xornalista Isabel Durán furon dúas das mulleres que interviron nas tres sesións organizadas, ás que acudiron 400 escolares do colexio Barrié da Maza

11 mar 2015 . Actualizado a las 17:02 h.

O colexio Barrié da Maza, de Santa Comba, acolleu unha xornada con motivo do Día internacional da muller traballadora, a cal tivo como protagonistas a seis mulleres xalleiras relacionadas co mundo da imaxe. Catrocentos escolares deste centro educativo participaron nas tres sesións organizadas. A primeira intervención foi a da actriz Isabel Blanco e da fotógrafa Teresa Castro (Fotos Teca). Blanco falou dos seus comezos no mundo da televisión e do cine, mentres que Teresa Castro fíxoo sobre a súa tarefa de fotógrafa. Aproveitou o acto para ensinarlle aos alumnos unha mostra de distintas cámaras de diferentes épocas que posúe.

A seguinte quenda tivo como protagonistas á xornalista Isabel Durán, que falou sobre a incorporación da muller ao mundo do xornalismo e sobre a televisión, e a Esther Pereira, que rexenta a perruquería Garota, quen reflexionou sobre a imaxe, e a estética, e incluso ofreceu unha clase práctica de maquillaxe.

A terceira e última sesión, contou coa intervención de Isabel Silvariño (Fotos Silvariño), quen falou sobre a fotografía e as novas posibilidades do mundo dixital, así como de Florinda Brenlla, que está á fronte dun obradoiro de corte e confección, e que comentou distintos aspeitos da súa profesión.

O CEIP Barrié da Maza. aproveitando que teñen un proxecto educativo para a súa biblioteca relacionado co cine, organizou estas charlas en colaboración co Concello de Santa Comba.