Unha ducia de dornas navegará ata Padrón para lembrar a Rosalía

laura garcía, m. g.

PADRÓN

. merce ares

Participarán embarcacións de O Grove, Cambados e A Illa de Arousa, que sairán de Valga

19 ago 2016 . Actualizado a las 21:28 h.

Rosalía, Ortelinda, Ghalerma, Javiota, Mimela e Maristela serán algunhas das máis de media ducia de dornas procedentes de O Grove, Cambados e A Illa de Arousa que este sábado percorrerán os ríos Ulla e Sar ata Padrón para homenaxear a Rosalía de Castro. Moitas delas xa participaron en pasadas edicións desta actividade coa que as xentes do mar queren render o seu particular tributo á autora de Cantares Gallegos.

A Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Dorna da Arousa, contando coa colaboración dos concellos de Padrón e Valga, son as encargadas de organizar un ano máis esta homenaxe. A saída das embarcacións realizarase ás 16 horas dende a praia fluvial de Vilarello (Cordeiro), onde solistas da Escola de Música de Valga porán a música. O acto contará coa presenta do alcalde, José María Bello Maneiro.

Logo de navegar a vela durante aproximadamente unha hora e media, as dornas chegarán ao Espolón, en Padrón, onde flamexarán as súas velas diante da estatua de Rosalía. Alí tamén haberá unha recepción por parte do Concello de Padrón aos participantes. O acto completarase con música tradicional e unha ofrenda floral.

A actividade celebrouse por primeira vez no 2013 con motivo do 150 aniversario da publicación Cantares gallegos e xurdiu por unha iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar precisamente á autora que facía alusión á subida das dornas nos seus tempos nunha estrofa incluída nese libro. Precisamente, é a que da título ao acto, Que inchadiña branca vela.

A bordo das embarcacións que participarán neste evento só pode ir un número limitado de persoas debido ao seu reducido tamaño, pero a organización agarda unha boa cifra de asistencia tanto no lugar de saída como no de chegada. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, tamén estará presente coa súa propia dorna, a Roxiña.

A data de celebración deste evento, que o ano pasado tivo lugar a principios de xullo, depende das subidas e baixadas das mareas, xa que os mariñeiros buscan o momento óptimo e vento a favor para poder subir mellor, explican dende a organización.