¿Quen é quen na fotografía?

PADRÓN

Persoas con discapacidade intelectual posan con actores de Galicia

28 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Miradas que falan é o título da exposición que se pode visitar na Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, grazas a unha iniciativa da Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar (Amipa), que ten en marcha distintos proxectos «para sensibilizar á veciñanza e promover a participación de persoas deste colectivo no noso entorno».

A mostra, que é itinerante e que xorde da colaboración entre Amipa e o centro Pai Menni de Betanzos, está composta por nove fotografías de Esteban de la Iglesia na que aparecen actores galegos ao carón de persoas con discapacidade. Luis Zahera, Isabel Blanco, Camila Bossa, Víctor Mosquera e César Goldi, entre outros, participaron de forma altruísta nesta iniciativa.

Pero, ¿quen é o actor e quen a persoa con discapacidade? ¿Quen imita a quen? Nas fotografías, uns e outros fan os mesmos xestos, polo que estas son algunhas das reflexións que pode facerse o espectador da exposición, que onte foi presentada nun acto no que estivo o presidente da Fundación Rosalía de Castro, o fotógrafo e representantes do centro Pai Menni e de Amipa.

Esta organiza visitas guiadas para escolares e público en xeral. Porque como dixo María, unha das persoas con discapacidade intelectual que sae nunha fotografía, «hai que ensinarlle a todo o mundo que, no fondo, non somos tan diferentes». Así o corroborou Jorge, de Amipa, quen dixo que «queremos cambiar a mirada da sociedade cara nós».

exposición casa-museo de Rosalía de castro, en padrón