O Camiño de Santiago a Padrón

Manuel Garrido Rivero

PADRÓN

Un itinerario xacobeo imprescindible

10 abr 2015 . Actualizado a las 11:05 h.

Consérvanse innumerables testemuñas e relatos de peregrinos de distintos países que, dende a Idade Media, seguían unha arraigada tradición: tras visitar en Compostela as reliquias de Santiago, continuaban viaxe cara a Padrón para coñecer a orixe da tradición xacobea, que establece que foi a esta localidade onde chegaron por mar a Galicia os restos do apóstolo arredor do ano 44 despois de Cristo. Posteriormente foi levado nun carro de bois ata Compostela onde sería enterrado no monte Libredón. Neste espazo, é sobre os seus restos mortais, ergueuse a catedral de Santiago. O edificio de estilo románico foi construído entre os anos 1075 e 1211. Ao longo do tempo fixéronse numerosas ampliacións ata chegar ao resultado actual.

Por este motivo, a vila de Padrón é desde a Idade Media o epicentro da Tradición Xacobea, pois ademais de ser, tras Compostela, a segunda meta para moitos peregrinos, é un dos poucos lugares da Península Ibérica onde a tradición sitúa a predicación do apóstolo Santiago, concretamente no monte Santiaguiño entre os anos 34 e 42 da nosa era.

Padrón é, ademais, o punto de partida da última etapa dos peregrinos que seguen o Camiño Portugués a Santiago.

Referencias a Padrón no Codex Calixtinus (S.XII):

O Codex Calixtinus, texto referencial da tradición xacobea, non deixa lugar a dúbidas:

-O primeiro emperador paneuropeo, Carlomagno, viaxou ata Padrón: "despois de ir visitar o sepulcro de Santiago, [Carlomagno) chegou a Padrón sen achar resistencia e cravou unha lanza no mar, dando grazas a Deus e a Santiago por levalo ata alí, ao tempo que dicía que non puidera ir antes". Libro IV.

-Das sete portas de entrada a cidade de Santiago, só unha se cita como de saída e é xusto a de Padrón: "a quinta, Porta Falqueira que leva a Padrón". Libro V.

-O mesmo sucede coas igrexas da cidade. So unha se vincula cun camiño de saída da cidade. É de novo o padronés: "a sexta, a de Santa susana, virxe, que está á beira do camiño a Padrón". Libro V.

Afonso XI de Castela

O Rei Afonso XI de Castela armouse cabaleiro na Catedral en 1332. De seguido o monarca partiu de Santiago e foi a Padrón en romaría "porque a aquel lugar chegou o corpo de Santiago"

Rodrigo de Luna (S.XV)

O arcebispo compostelán, Rodrigo de Luna, mellora as instalacións do hospital de peregrinos de Padrón. El mesmo explica o motivo: "por canto os fieis cristiáns que con moita devoción visitan cada día nosa igrexa de Santiago, continuando as súas romarías ate a nosa igrexa de Padrón".

Testemuñas de Peregrinos

Temos moitas testemuñas de peregrinos que despois de chegar a Santiago continuaban viaxe cara a Padrón, como especifican nos diarios e relatos que nos deixaron:

-Nompar II, señor de Caumont, 1417. Na súa guía para futuros peregrinos narra: "este é un lugar [Padrón] a onde o Señor Santiago chegou por mar; o corpo e a cabeza chegaron separadas nunha barca de pedra, todo isto sen intervención allea, e eu vin a barca á beira do mar".

-Sebald Ortel, de Nuremberg, Alemaña, 1522: "Partimos de Santiago o día de todos os Santos e ao mediodía e chegamos a Padrón. Foron catro millas".

-Os duques de Nomtpersier, despois de facer a ofrenda ao Apóstolo na Catedral de Santiago, continúan viaxe cara a Padrón para venerar o Pedrón. Chegan o 28 de xullo de 1852.

-O cardeal e arcebispo de Santiago, Martín Herrera, peregrina a Padrón o 28 de xullo de 1902. O motivo puido ser a entrega dunha reliquia á parroquia de Santiago de Padrón. Tamén durante o seu mandato fixéronse obras de acondicionamento do monte Santiaguiño.

-A inglesa Annette Meakin, conta no seu Diario de Viaxe de 1907 que aínda lle explican que "a maioría dos peregrinos, despois de ter cumprido con Santiago, ían a Padrón a ver o lugar a onde o corpo do apóstolo chegara á terra".

-O historiador e eclesiástico Luciano Huidobro y Senra comenta no seu libro Peregrinaciones Jacobeas, publicado en 1948 que "complemento obrigado da visita a Compostela é sempre a de Padrón"

Isto e so un exemplo, pois hai moitas máis referencias relativas a visita dos peregrinos a Padrón,despois de visitar a tumba apostólica en Compostela.