A lamprea e o tren de Varela

María Calvo Tarrío TRIBUNA

PADRÓN

29 ene 2015 . Actualizado a las 13:04 h.

Como galega e boa padronesa, considérome unha estupenda fan da nosa gastronomía pero debo admitir que, por razóns profesionais, a lamprea é un animal ben curioso e motivo de moitos estudos e publicacións científicas, entre outras cousas polo tempo que leva habitando o noso planeta, xa que foi contemporánea dos mismísimos dinosaurios.

Xa na época da dominación romana era coñecido este manxar como prato ben sabedeiro pero soamente accesible para a clase alta.

Aquelas mulleres ataviadas con faldóns e panelas á cabeza nas que relocían peixes redondos e longos foron as precursoras dun sistema de venta ambulante que introducía no mercado de Santiago unha parte considerable da pesca dos lampreeiros ulláns; o tren de Varela, así se chamaba o seu conductor, pasaba camiño da capital sobre as seis da mañá e recollía ao seu paso por Cesures e Padrón a esas emprendedoras que comezaban a xornada con cantos de «teño lamprea de Sesures, xa me queda pouca».

Estas peixeiras, intermediarias entre os mariñeiros e as casas de comidas da nosa vila e comarca, voltaban á súa orixe sobre mediodía cun xornal gañado duns sesenta ou setenta pesos; despois dunha longa viaxe desde Lugo (Antas de Ulla) ata a ría de Arousa (concretamente Vilagarcía) as lampreas xa completaran o seu ciclo vital e ao fin alguén as podería disfrutar, gastronómicamente falando.

A maioría de especies de Agnatos (peixes sin mandíbula) que xurdiron fai máis de 500 millóns de anos están extintos e só sobreviven dúas clases: os Mixines (mixinos) e os Cefalaspidomorfos nas que se atopan as lampreas, un dos primeiros vertebrados que xurdiron no planeta Terra.

Do termo grego Petromyzon e do latino Lampreta sae o significado da palabra lamprea, ?chupador de pedras? e a única especie presente en Galicia e no río Ulla é a lamprea mariña Petromyzon marinus (Linnaeus, 1758).

O seu éxito como grupo atribúese aos longos períodos que permanece nas augas doces do Ulla nos que as larvas se esconden nos fondos areosos e nos que viven durante varios anos. Xa na fase adulta este organismo migra ás augas salgadas da Arousa e é quen de chegar a profundidades de 200 ou 300 metros onde perdura ata que decide remontar o Ulla para a súa reprodución e posterior morte.

A contaminación ou alteración do hábitat por construccións de presas, barreiras físicas, dragados e canalizacións ou procesos de extracción de area en zonas de desove e crecemento das larvas son factores que ameazan a esta especie que cada ano por esta época pon a proba os nosos sentidos do gusto e do olfato.

En Galicia témola recoñecida como especie vulnerable (Catálogo Galego de especies amenazadas (Lei 9/2001, Decreto 88/2007), como ?especie de pesca? (Real Decreto 1095/89 e como especie ?comercializable? (Real Decreto 1118/89) e desde o pasado ano (Orde do 31 de marzo de 2014 pola que se regulan a comercialización en orixe das especies eurihalinas de interese comercial) e con efectos xa para a tempada que se abriu o dia 2 de xaneiro os lampreeiros deben pasar as súas capturas por unha lonxa pesqueira ou centro de venta autorizado así como asumir outros cambios na súa habitual forma de comercialización deste produto da pesca.

Con esta normativa os lemas empregados polas mulleres dos faldóns non serían de axuda ao non poder pasear as lampreas pola rúa pero confiamos en que esto non sexa motivo para non poder seguir disfrutando dun marabilloso produto gastronómico ben vinculado á nosa zona xeográfica e co que se pon de manifesto o valor do río como recurso natural e de todas esas casas de comidas que manteñen e ofrecen a súa receita e seguen a posicionarnos como vila referente en materia de captura e consumo da lamprea.