Oroso estuda ofrecer un asesoramento sobre instalacións eléctricas

Santiago / la voz

OROSO

28 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, anunciou onte a posibilidade de ofrecer un servizo de asesoramento sobre instalacións eléctricas para os establecementos do municipio, especialmente orientado á hostalería. Así o explicitou logo dunha reunión co delegado en Santiago do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (Icoiig), Fernando Blanco. Ante a proposta de colaboración do colexio, Manuel Mirás explicou a intención de solicitar aos servizos xurídicos do Concello a viabilidade de contratar un enxeñeiro industrial.

O cometido deste traballador sería inspeccionar as instalacións eléctricas, asesoras os establecementos para o cumprimento da normativa e efectuar as certificacións enerxéticas dos edificios de titularidade municipal. A contratación deste profesional podería levarse a cabo a través dun convenio entre o colexio e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o cal contempla que concellos e deputacións poidan contratar colexiados de maneira temporal e cumprindo a normativa de contratación do Ministerio de Facenda. Durante o encontro, Fernando Blanco fixo fincapé no esforzo en evitar o intrusión profesional na contratación.