«LP45 era o seu motor, pero penso que a movida de Ordes vai continuar»

Brais Capelán SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

marcos míguez< / span>

O empresario e fundador da discoteca agradece o cariño de veciños e políticos pola emblemática sala agora reconvertida en plató

15 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 9 de febreiro do 1990 quedará para sempre gravado na memoria de Manolo López, que xunto a José Vázquez foi propietario e fundador dunha das discotecas máis coñecidas de Galicia: LP45. Aquel día abría por primeira vez as súas portas, aínda no seu antigo local. Pasaron os anos, cambiou o lugar (a escasos 30 metros), pero o éxito sempre acompañou a estes empresarios. Hoxe Manolo evita centrarse no pasado e pon o foco no novo proxecto da sala: un plató televisivo.

-¿Como foron aqueles primeiros anos?

-Tivemos unha primeira etapa do 90 ao 97, cando estabamos nun local moi próximo ao actual. Fomos transformando aos tempos que viñan o espazo, ademais de buscar adaptalo a outros usos. Nós mercamos unha antiga sala de festas que estaba en crise e desde o primeiro momento tivemos un enorme éxito. Aquel foi o xerme da movida en Ordes. Apenas había locais de hostalería nocturna e transformamos aquela sala en discoteca. Recordo que os fins de semana tíñamos o local a tope, sobre todo os sábados e domingos.

-¿Xa estaban no sector antes de chegar a Ordes?

-Si. Sempre estivemos na hostalería nocturna e decidimos naquel momento investir nesta sala de festas de Ordes. Tivemos a sorte de que foi todo un éxito.

-¿Non tiveron un período de transición ata abarrotar?

-LP45 foi un rotundo éxito desde o primeiro momento. E foi crecendo co tempo; cada fin de semana viña máis e máis xente. No 97, cando inauguramos a nova discoteca, a antiga continuaba estando chea todas as fins de semana. Recordo as longas colas para entrar. Dábanse momentos nos que tíñamos que pechar e deixar pasar de dez en dez cando saía a xente. Aí empezou o que se coñece como a movida de Ordes, pois comezaron a abrir locais por todos lados.

-¿Non sinte tristura por deixar esa etapa atrás?

-Claro, pero tampouco podes recrearte moito naquelo, xa que temos un negocio que manter e hai que pensar no futuro. Tes que darlle saída ao teu. Nós levamos dende o 2005 traballando na produción audiovisual e facendo programas en LP45 durante a semana. Ao final, era un impedimento ter que retirar todos os equipos durante a fin de semana

-¿Que lles animou a comezar esta nova etapa?

-Cremos que Galicia carece de espazos desde tipo. Hai produtoras que queren facer programas e nós ímoslles dar todo feito, con equipos, decorados, maquillaxe...

-¿Manterase a movida en Ordes?

-Creo que se vai coidar ben. LP45 era o seu motor, pero penso que a movida de Ordes vai continuar. A xente viña a Ordes por LP45, aínda que non entrase na discoteca. Non será o mesmo, pero se adaptan os locais aos novos tempo iralles ben. Ademais a xente é moi agradecida coa hostalería nocturna. Nós sempre recibimos moito cariño dos veciños e políticos locais. Non é o normal, pois unha discoteca fai ruído e hai liortas, pero agradecían que a xente puidese quedar aquí e non ter que coller o coche.

-¿Ten algún recordo especial dos 26 anos de LP45?

-Moitos. Todos menos os últimos catro anos foron moi bos. Recordo especialmente un fin de ano de comezos de século. Unímonos tres discotecas de distintas zonas de España e sincronizamos as nosas sesións. En Córdoba soaba o de Ordes e viceversa. Na época na que o fixemos foi moi innovador, non había as tecnoloxías de hoxe en día.

Manolo López. Naceu no 1962 en Présaras (Vilasantar) e sempre estivo vinculado á hostalería nocturna. Agora ten a produtora TEX45.

LP45. Foi unha das discotecas máis famosas de Galicia, que permaneceu aberta durante 26 anos, potenciando a movida de Ordes.