A explicación está nas nosas carteiras

Ramón Vilar INVENTARIOS ORDENSES

ORDES

07 feb 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

Houbo un tempo en que os billetes de cinco mil pesetas circulaban con alegría pola noite ordense. Mentres Sabina pagaba as contas de xente sen alma, nós agardabamos polas camareiras coa infinita paciencia coa que hoxe esperamos aos do Sergas. Eran os anos inmediatamente anteriores á chegada do euro, e Ordes o santuario ao que había que peregrinar todos os sábados e festas de gardar.

Hai unha década que aquela procesión nocturna comezou a perder devotos. Dous anos despois, esta crise económica que xa se converteu en rutina, provocou a espantada definitiva. Houbo moitos intentos de reflotar aquel negocio. Todo foi en balde. Aínda que a vila segue a ter certo tirón entre a mocidade da comarca, os sábados á noite nunca volveron ser os mesmos. Nin de lonxe.

De seguro que houbo múltiples factores que explican a auxe e caída daquel fenómeno de masas. Mais eu creo que hai tres que explican por si solos o ocaso. O primeiro é que todo cansa: o que é válido para unha xeración non o ten que ser para a seguinte. O segundo a incomodidade de desprazarse en coche -distancias, seguridade viaria, controis de alcohol...-. O terceiro, seguramente o máis determinante, ten que ver coa microeconomía: Cantas familias poderían darlle cincuenta euros a un fillo cada sábado?

Desenganémonos: pouco ten que ver a mocidade de 2016 coa que a finais dos noventa enchía os garitos ordenses. A proba máis gráfica podémola atopar nun suceso recente. Na noite de fin de ano, a Policía Local e a Garda Civil detiveron un home que roubara varios bolsos na zona de marcha. Ao día seguinte os xornais publicaron a foto dos obxectos recuperados: tres bolsos, tres xogos de chaves, tarxetas bancarias, barras de labios, seis moedas e uns poucos billetes pequenos. Solitario, debaixo de dous smartphones, aparecía un de vinte euros. Non se me ocorre mellor imaxe para describir estes tempos. A macroeconomía que a expliquen outros.