Ramiro Recouso, testamento de vida

Ramón Vilar Landeira ESTRADAS SECUNDARIAS

ORDES

29 oct 2015 . Actualizado a las 17:29 h.

Tal e como se agarda dun obituario, podería comezar polo principio. Contar que Ramiro Recouso Liste naceu na emigración (Euskadi) e que con seis anos (1974) regresou a unha terra á que sempre quedaría ligado. Orfo dende moi novo, púxose a traballar ao tempo que a súa xeración accedía masivamente á universidade. Podería dicir tamén que acaba de morrer un dos principais referentes políticos da comarca. Mais non vou falar dese Ramiro, ou non só dese Ramiro.

Coñecémonos algúns anos antes, pero comecei a tratalo con regularidade ao chegar a Ordes como correspondente de prensa. Corría o ano 2002. Eran tempos demasiado convulsos. A burbulla do cemento, aquela efémera milagre do pan e dos peixes, metía na política a fulanos sen máis ideoloxía que a do chuletón, a do ribera del duero e a de non pegar pau. Lembro como algún concelleiro, no enésimo viño do día, se dedicaba a deixar polos bares os recados máis escabrosos para os xornalistas. Ramiro era precisamente a antítese dese prototipo de políticos. Do respecto que tiña cara ao noso traballo (aínda cando non era do seu agrado) poden dar testemuño todos os compañeiros que andaron por Ordes á caza de noticias.

En 2004 marchei da bisbarra e non regresei ata máis de oito anos despois. De volta, coincidín con el a miúdo. A súa saúde non era boa. Levaba tempo pelexando co cancro. As visitas ao médico e os tratamentos xa entraran na súa rutina. Porén, non recordo terlle escoitado unha queixa, incluso nos días nos que non lograba agochar a dor que se lle debuxaba na cara. Comprendín que era desa especie de persoas que gozan compartindo alegrías pero que están afeitas a comer para si as penas.

Vinte anos na primeira liña política deron para moito. Sempre soñou con gobernar Ordes. Hai poucos meses demostrou que non a calquera prezo. De ter negociado a entrada do seu grupo no executivo local, sería tenente de alcalde. A presión, como poden imaxinar nestes casos, era moita. Mais el asumira dende o primeiro día que os resultados, sendo satisfactorios, non lexitimaban aquel pacto. Nestas semanas o Clínico encheuse de amigos e veciños. Tamén houbo tempo para suturar vellas feridas da política diaria. Tiña o corazón demasiado grande como para levalas canda si.

Hai escasos días contactei con el por teléfono. Mandeille unha aperta enorme. Quedamos en tomar unhas cañas cando estivese de volta. Os dous sabiamos que a aquela hora a vida derrapaba á velocidade das mensaxes. E se algo amaba por riba de todo, incluso por riba de Galiza, de Ordes e do seu Celta, era precisamente a vida. Dende neno aprendera que era demasiado fugaz para non pelexala a cada momento. Ese é o prezado legado que nos deixa.