A recadación do Día da Solidariedade de Ordes beneficia a 24 familias

alicia pedreira ORDES / LA VOZ

ORDES

23 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Día da Solidariedade de Ordes, que reuniu o pasado 27 de decembro centos de veciños co fin de recadar fondos e artigos de primeira necesidade para as familias con menos recursos do municipio, foi un éxito á vista das cifras que esta semana deu a coñecer a organización do evento. Dous encontros da modalidade de fútbol gaélico e un festival no que se deron cita varias agrupacións musicais de xeito altruísta foron os reclamos para que se conseguisen 801 euros en metálico. Unha cantidade que xa foi entregada á Cruz Vermella de Ordes xunto con catrocentos produtos de hixiene doados polos asistentes, e que eran unha das principais demandas desde a organización. Cruz Vermella confirmou onte que vinte e catro familias, a maioría con nenos, se beneficiaron xa destas doazóns, chegando a un total de noventa e unha persoas da contorna.

Por outra parte, o Día da Solidariedade xuntou cincocentos quilos de alimentos e trinta xoguetes, que xa foron entregados ao departamento de Servizos Sociais do Concello para o seu reparto entre os fogares que considere oportuno.

O diñeiro obtido procedeu eminentemente da venda de entradas e camisetas. Pero unha parte importante chegou tamén de numerosos establecementos hostaleiros da vila, que derivaron unha porcentaxe da recadación da noite a esta causa solidaria.