¿Que foi a escola de Marita en Negreira?

X. Amancio Liñares Giraut

NEGREIRA

05 oct 2015 . Actualizado a las 19:12 h.

Daquela non tiñamos aquí gardería municipal, nin preescolar pública para as idades infantís. Cincuenta anos atrás as primeiras letras e números coñecémolos en aulas particulares, co maxisterio de persoas como Sofía A Revisora ou Marita de Pancho. Seguramente por proximidade á casa, a min tocoume a descuberta do mundo do ensino coa prezada profesora Marita Magariños. E inda despois, no período do BUP, aprendín Solfexo con ela, para o ingreso no Conservatorio compostelán. Gratos recordos.

A aquela escola da Carreira de San Mauro da década de 1960 accedíase pasando á beira da Telefónica negreiresa, da centraliña dos teléfonos que nos comunicaban co mundo. E aló, no fondo dun corredor estreito e escuro, despois de cruzarmos un anaquiño de patio e horta, estaba a nosa humilde escoliña. Nese recinto descubrín os cadernos de Rayas, de Rubio, os libros Álvarez, Amiguitos, os encerados, letras e números, os tinteiros, os mapas. Tiven a miña taboíña con lapis de lousa e marco de madeira, antes que bolígrafo e caderno de papel. A modo enciclopédico, facíase a diario un repaso sonoro das Preguntas, cantando a coro cun ton propio, cunha mestra moi coñecedora e amante da música. Era unha listaxe avultada e miscelánea, onde cabían as táboas das catro regras matemáticas, as partes dunha planta, a Reconquista, o universo, o corpo humano, os Reis Católicos, os substantivos, adxectivos e verbos. Un ensino melódico e memorístico, que tamén incluía nocións de Catecismo e oracións. Todo en lingua castelá, por suposto. PA: Progresabamos Axeitadamente. Como actividades extraescolares iamos ás veces polas tardes ver programas na televisión no fogar familiar da profesora, ó xardín exterior, ou ós ensaios con cancións e cadros teatrais para a velada do Nadal, do cine Gran Vía, na Cachurra.

Despois vivín varios cursos a xeira do colexio público do Coto ("Agrupación Escolar Mixta de Negreira"). Eses anos e as décadas que seguiron en Compostela foron conformando o meu persoal itinerario educativo, que valoro en positivo.

Hoxe xa non quedan en pé aquelas casas dese treito superior da Carreira do Cotón: a de Pintos, a de Pancho, a de Cipriano, a de Ares, a do Zapateiro... Nin rastro daquel local docente, nin da centraliña telefónica, nin dos baixos cos comercios que por alí pululaban: mercería, carnicería, barbeiro, bar, funeraria, taller de bicicletas, electrodomésticos...; mais arestora, afortunadamente, inda manteñen entre nós vidas de ilustre ancianidade María Carmen Magariños Leis (1924) e Sofía Rodríguez Rodríguez (1927). Con elas comezou o período escolar de varias xeracións de cativos da redonda. E iso é mérito pedagóxico e biográfico sobresaínte.

Sempre lle estarei agradecido á boa profesora Marita, por terme achegado as primeiras luzadas do coñecemento, por aquela aprendizaxe auroral e agarimosa, por ir abríndome os ollos e os ouvidos ó cosmos.