Amador Rodríguez Troncoso, o home da revolución agraria en Xallas, Barcala e Amaía

E. F.

NEGREIRA

Agricultores e gandeiros tributaranlle este sábado en Negreira un recoñecemento público 

10 jun 2015 . Actualizado a las 10:05 h.

Agricultores e gandeiros das comarcas de Xallas, Barcala e Amaía, tributaranlle este sábado en Negreira un recoñecemento público a quen foi o primeiro director da axencia de Extensión Agraria de Negreira, a primeira que se creou a nivel nacional. Amador Rodríguez Troncoso foi un dos impulsores do proxecto Feiraco e unha persoa comprometida co progreso no sector agrario dende que en 1956 asumiu a dirección daquela primeira axencia de Extensión Agraria, nunha área xeográfica inmersa nun proceso de concentración parcelaria, que foi tamén a primeira a nivel nacional.

Segundo conta Xan Ramos, da cooperativa de Grille e ex alcalde de Mazaricos, «Amador foi un pioneiro que trouxo o coñecemento, e pioneiro tamén porque nos facilitou a transición dende unha época antiga a unha máis moderna no campo, e tanto el coma outras persoas facilitaron que asumiramos novas técnicas de cultivo e de manexo de gando, que coa súa lóxica evolución fai que hoxe en día esteamos a nivel do resto de España e mesmo de Europa», subliña Ramos, quen engade que todo isto xurde a consecuencia da edición do libro Os albores de Feiraco, que recompila feitos históricos e documentos de como se sucedeu a modernización do campo e a economía dos concellos de Barcala, Xallas e Amaía, escrito polo propio Amador. O homenaxeado conta con 93 anos, e vai recibir este acto de agradecemento pola súa profesionalidade laboral e humana, segundo salientan os organizadores. O acto terá lugar ás 20.30 horas do sábado no restaurante Millán, e as tarxetas para asistir pódense retirar por 10 euros no propio restaurante, ou na cervexería Galaecia.