¿Cales foron os vínculos entre Filgueira e Magariños?

X. Amancio Liñares Giraut O NOVO FIADEIRO

NEGREIRA

25 feb 2015 . Actualizado a las 22:39 h.

Xosé Filgueira (Pontevedra, 1906-1996) -fulxente nas Letras Galegas 2015- e Xulián Magariños (Negreira, 1904-1934) deberon coñecerse no testo edificio da Universidade de Santiago, aberta a década de 1920. Filgueira Valverde era fillo dun médico pontevedrés e Magariños do secretario do Concello negreirés (ou nicrariense, como a el lle gustaba escribir). Bacharelatos brillantes en Pontevedra e Compostela. De contado participarían «Filicaria» e «Xulio Marín» na fundación do Seminario de Estudos Galegos, SEG -outubro de 1923- e nunha intensa vida estudantil polas aulas, andares, cafés, teatros, rúas e prazas compostelás. Mocidade non passota e comprometida. Pularon a revista Adral (1925), un nome que décadas despois recuperaría Filgueira para titular os seus nove libros compilatorios. Magariños licenciouse en Dereito; Filgueira en Dereito, Filosofía e Letras.

No SEG traballaron nas seccións de Literatura e Filoloxía. Xunto cos amigos Tobío e Cordal editaron o Vocabulario Popular Galego-Castelán. Os dous cultivaron maxisterio e amizade con Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo... e outros insignes da Época Nós. Magariños (O Kalivera 30 H.P. e O filósofo de Tamarica, 1926) e Filgueira (O Vigairo, 1927) publicaron novelas na colección Lar, de Ánxel Casal, e foron correspondentes nas súas terras matriciais do xornal El Pueblo Gallego. Tamén tiveron relación co Anteproxecto de Estatuto de Autonomía, elaborado polo SEG, porque partillaban as arelas dunha maior dignificación de Galicia -célula de universalidade- e compartían os ideais galeguistas. Colaboraron amais noutros medios de prensa e en publicacións como Nós e A Nosa Terra. E teimaron no estudo da Historia local, así como na posta en valor de personaxes das respectivas comarcas de nacenza: Afonso Eanes do Cotón, Pedro Rodríguez (Magariños); Fontán, Sarmiento, Chariño, Méndez Núñez... (Filgueira). Con dúas das súas pezas, Filgueira e Magariños están na Antoloxía da novela curta editada por Carlos Casares (1990).

A maiores, podemos ler a dedicatoria que Filgueira lle fixo a Magariños no seu libro de contos Os nenos, publicado con só 18 anos: «Convalecente ainda de iste labouroso abollo, óllote, compañeiro Magariños, co meu cativo nécoro nas mans. Garimoso sempre como fillo meu, non malles nel, mira que é moi imbeliño». E conservamos cartas entrambos. Nunha do 26/4/1932, o de Negreira felicita ó de Pontevedra polos seus éxitos académicos: «Xa sabes que son pouco amigo de adular e que as miñas ademiracións caben dentro d´un puño. Por eso considero xusto confesar que hoxe en día es tí unha das figuras mais representativas e preparadas da Galiza nova».

Moi diverxentes, iso si, foron os anos vividos por Filgueira e Magariños: o pontevedrés case chegou ós 90 outubros e o negreirés non foi quen de superar os 29 setembros, truncando unha promesa lanzal nas letras de noso.