A Foliada enche Melide con músicos chegados de toda Galicia

La Voz MELIDE / LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

O grupo Os Corenta e Chinco Boys, da Pobra do Prollón, gañou o concurso de cantos de taberna

30 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se coincidiron con eles pola rúa saberán porque e se non terán que fiarse do criterio dos taberneiros. Foron eles quen elevaron a Os Corenta e Chinco Boys, de A Pobra do Brollón, como grupo gañador do concurso de cantos de taberna co que a mediodía de onte abriu o día grande da Foliada de Melide na zona de viños da vila. Emprazada no casco vello, é o epicentro dese encontro en torno á musica e o baile tradicionais galegos que, logo de tan so trece edicións, está máis que afianzado como referente para agrupacións folclóricas de todo o país.

A evidencia son as vinte formacións que participaron nese concurso de cantos de taberna, que volveu funcionar como o mellor reclamo para caldear o ambiente. Non decaeu durante toda a xornada, que tivo outros dous grandes momentos de intercambio musical na marcha gaiteira e no posterior serán que se celebrou xa coa caída do día. Quince agrupacións por unha banda e máis de media ducia da comarca melidá pola outra puxeron son a eses tamén agardados momentos polo público, que, xa pola noite, encheu a praza das Coles para gozar en directo das actuacións de Pelepau e Maskarpone.

Na xornada de onte non faltaron a animación de rúa, nin a exhibición de baile galego, como tampouco se lles botará en falta hoxe, cando tamén se poderá visitar a mostra de artesanía e de instrumentos tradicionais, instalada na rúa en na praza do Convento. O programa para a última xornada da Foliada de Melide tamén propón, entre outras actividades, as actuacións dos grupos Herba Grileira e Fiadeira como antesala dunha sesión vermú que ofrecerá, a partir das dúas da tarde, Andarivel. A carpa instalada na praza das Coles garantiralle acubillo ao respectable, que xa á tardiña e sobre o mesmo escenario poderá ver a Davide Salvado e, como peche, a Blues do País, acompañados de o Sindicato da Verbena.