As ruínas do mosteiro de Santantoíño de Toques

Xosé Manuel Broz DIRECTOR DO MUSEO DA TERRA DE MELIDE

MELIDE

13 feb 2015 . Actualizado a las 19:17 h.

Agora que se iniciou a restauración de Santantoíño e podemos contemplar o fermoso conxunto de pintura mural que adorna as súas paredes e o momento da emoción e da ledicia, pois o interior convertiuse nunha referencia no mundo da arte románica. A estampa que vemos é moi superior á que imaxinabamos cando desexabamos ver as pinturas á vista.
Xa coñecíamos o conxunto de pinturas, pero aínda lles quedaba a fase de consolidación e remate dalgunha parte, e agora podemos ver completo o seu repertorio decorativo:
Na parede Norte: un Pantocrátor con libro na man, onde hai letras, que aínda non se interpretaron. Debaixo del outra figuración, que alguén atribuíu un San Sebastián, pero é dubidoso. O estado desde mural e moi deficiente.
Na parede sur: arriba, a escena da Anunciación, sobre piso enlousado, un coxín onde se axeonlla a virxe; diante un facistol cun pequeno libro, onde semella poñer  o ano, a data da pintura; un xarrón con ramo de azucenas; falta a cabeza da virxe, pois é unha proba de que a altura da igrexa foi rebaixada cando se reformou o aleiro da nave. Esta operación debeuse realizar, quizais por un incendio, como debeu suceder tamén na románica de Santa María de Melide, que tamén se reformou o aleiro e se suprimiron os canzorros, pero desta xa falaremos outro día.
Somos da opinión de que o aleiro de Toques tiña tamén arcos e metopas, como se ven na ábsida. Nesta escena, ademais da Virxe, está o Arcanxo Gabriel e outra figura de muller coa man sinalando a escena.
Debaixo da Virxe, hai outro recadro onde se representa a Santa Xertrude, co hábito beneditino, libro na man e báculo; a súa beira un gato branco, que é un dos seus propios atributos polo que se identifica; e un escudo de Ulloa cos seus escaques, que lembra como Lope Sánchez de Ulloa, señor do Castelo de Pambre, ten encomendada a defensa do mosteiro e dos seus vasalos, ano 1418 ( leg.743 ?AHUS)
Abaixo, un gran San Cristovo co Neno no colo; a porta sur decorada con roleos polos bordes.
Na parede frontal: arriba, tres anxos, o do centro debuxado nunha postura moi grácil, que se pensou que sería a Virxe, pero logo nesta fase apareceron as ás e non hai dúbida.No centro dereita, Santa Catarina, coa roda onde pretenderon martirizala, que a identifica; no lateral esquerdo, outra santa, que por un estandarte  que leva, aínda que lle falta a cabeza, atribúese a Santa Úrsula, que foi irmá de San Bieito.
No centro, os recadros onde se colocan as imaxes do Calvario, a Virxe, co seu letreiro Mater Dei, e no outro o San Xoán, co seu nome,San Juanis, en recadros baleiros e nomeados, polo que non hai dúbida de que é o seu lugar orixinal de colocación; aínda que se supón que nun principio o Calvario estivese dentro, no presbiterio, pero aínda non está confirmado.
Na parte baixa, dereita, o panel co Cristo resucitado, San Bartolomeu e a misa de San Gregorio, que é o panel que xa leva moitos anos á vista.
No lado esquerdo, San Xurxo, xinete en cabalo branco e armadura, escudo e espada en alto, como se acostuma representar; debaixo del, o dragón, que se identifica polas liñas do debuxo que semella ás, por e tres gotas de sangue na ferida, aínda que lle falta a cabeza, pero é unha escena identificable; non se ve a princesa salvada por el.
Dicir que é pintura saída do taller de Vilardonas e que se atribúen ó s. XV, e que todo compón un conxunto único de pintura e imaxinería no patrimonio nacional.
Agora compre non esquecerse deste monumento e continuar cun axeitado mantemento, pois as restauracións non son eternas, xa que hai que facer unha continua e sistemática vixilancia da súa correcta conservación.

No interior, é necesario rebaixar o piso ata a súa altura orixinal, uns 40 cm menos, entón veranse o limiar e as basas do arco triunfal. Gañará altura e autenticidade. Quizais tamén deberían trasladar os 2 retablos para a Capela que hai en Souto. Abrir as 2 portas que comunicaban co claustro; con isto o interior quedaría máis auténtico, como se fixo en igrexas desta categoría e antigüidade, e que non priva que se celebre igual o culto, aínda con máis solemnidade.
En canto as ruínas do mosteiro, onde sobre elas se instalou a fins do s.XIX unha fábrica de puntas, cando se consiga a propiedade pública, a restauración é doada, pois aparecerán os 2  claustros e outras dependencias que están agochadas baixo a construción da dita fábrica.
Logo poderase abrir a porta norte e pasar o claustro, onde se agarda que aparezan enterramentos e laudas. Fai uns anos fixéronse unhas catas arqueolóxicas neste claustro e aparecera unha parede de sillares, escalonada, que non se soubo interpretar polo pouco que dela se viu. Sen dúbida, cando isto se faga, o claustro engadirá unha estampa nova que sorprenderá a todos.
Vemos como o río vai por unha canle por debaixo do claustro e como cae en fervenza. Este elemento natural de auga engade un encanto especial ó entorno.
Todo isto viuse ou intuíuse cando fai uns anos se limparon e podaron as ruínas, entón puidemos cavilar o moito que se agocha debaixo delas, e que agardan que alguén as rescate do seu abandono.
O río baixa en fervenzas, polo que se debería facer un camiño río abaixo e logo unha pequena ponte para cruzar a outra beira e subir, e ver o mosteiro desde ese punto, un dos mellores paraxes da comarca, como unha imaxe secreta que só poucos coñecemos, pero que sorprenderá a todos pola súa beleza de auga e de verdes, dignos para excelentes pinturas e fotografías.
 Sabemos que popularizar este lugar virxe ten os seus riscos, pero ben protexido e vixiado, non tería problema.
Polo que é necesario habilitar a casa da ponte, que no seu día foi do dono da fábrica de puntas, e nela instalar o centro de interpretación deste mosteiro, onde o guía -vixiante poida ensinar e dar información, pois haberá que decorala con paneis onde se explique a arte e historia do monumento e se poidan dar os folletos explicativos.
Santantoíño de Toques converterase, sen dúbida, nun centro moi interesante de visita turística no centro de Galicia; e todo está aí, só hai que poñer en valor e rescatar do abandono, e Santantoíño seguirá sendo xeneroso amosándonos o seu patrimonio e nos sermos dignos erdeiros da súa historia.


                 Interpretación das pinturas: Xurxo Broz e Cristina Vazquez
                Bibliografía: Santantoíño de Toques, X.M.Broz, 2011