O fútbol feminino move masas en Frades

ALICIA PEDREIRA FRADES / LA VOZ

FRADES

CEDIDA

O equipo adestrado por Jacobo Vieites está acadando cifras históricas de afluencia de público

28 dic 2014 . Actualizado a las 10:09 h.

Os grandes proxectos, ás veces, xorden cando un menos o espera. Outras, porque brota unha mesma idea na cabeza de varias persoas á vez. E cando ademais son o resultado dunha explosión de vontade e ilusión, o éxito está case asegurado.

En Abellá, unha parroquia do concello de Frades, saben moito de fútbol. Proba evidente é que con pouco máis de cincocentos habitantes, a súa sociedade deportiva acolle nada menos que cinco equipos e as gradas do campo de fútbol do Vedral están cada fin de semana ateigadas de fieis espectadores. Chova, trone ou quente o sol. Pero ademais, neste lugar teñen claro que conformarse é de covardes e convén aspirar a máis. E esta teima é unha das moitas razóns polas que esta tempada presumen con orgullo do seu equipo de fútbol feminino.

O salto das mulleres ao terreo de xogo é un vello anhelo da directiva da sociedade deportiva. Logo dun par de intentos fallidos, este ano, por fin, fíxose realidade pola firme decisión do seu presidente, Daniel Vázquez, de conseguir constituílo; e tamén grazas ás conversas que se deron nas gradas entre as rapazas que asistían como espectadoras habituais aos partidos de fútbol.

O proxecto

Ao final, o presidente apenas perdeu tempo en buscar xogadoras, e as xogadoras non perderon ningún en convencer ao presidente. Así de complexo e así de sinxelo, xurdiu un proxecto ambicioso porque a meirande parte das mozas nunca xogaran ao fútbol, pero doado de levar adiante porque a falta de técnica futbolística substituírona por ganas. E iso, cando algo está nacendo, é fundamental.

En xullo, cando o fútbol nos abandona en todas as súas categorías, estas mozas de Frades, Ordes, Mesía, Curtis, Sobrado e unha chea de sitios máis, calzaron as botas e comezaron a adestrar por unha banda, e a buscar apoios e patrocinios pola outra. Pero sobre todo, dedicáronse a aprender. As que partían de cero, e tamén as veteranas. Jacobo Vieites, o seu adestrador, di que o máis difícil foi que se acostumaran a unhas dinámicas e unhas rutinas que os membros de equipos masculinos xa teñen porque se lles inculcan desde cativos. «Moitas tiveron que aprender a moverse polo campo e entender conceptos básicos», comenta. Porén, afirma que a adaptación foi moi rápida e que non deixa de sorprenderse coa evolución que ve nelas. Daniel Vázquez engade, ademais, que «elas son moito máis autocríticas que os homes, e reciben de bo grado calquera corrección ou consello».

A aprendizaxe

Iso tamén permite acelerar a aprendizaxe. Katy, a capitana, que asegura ter nacido cun balón entre os pés, recoñece que tamén ela está aprendendo. «As compañeiras que nunca xogaron ao fútbol fanse preguntas que eu nunca me faría, e iso enriquece moito». Logo de moitos anos desprazándose a outras localidades para poder xogar por mor da escaseza de equipos femininos que hai, está encantada de ter un conxunto preto da súa casa, no que «o ambiente é inmellorable», unha afirmación que todas as rapazas do equipo sentenzan.

Boa relación

Porque estas mozas, que apenas se coñecían, xuntáronse para xogar ao fútbol e acabaron entablando unha relación que vai máis alá da liña de fondo, algo que rechama dada a amplísima franxa de idade, que vai dos catorce anos da máis cativa aos corenta e catro da maior.

Pero parece que trinta anos de diferenza e situacións persoais do máis dispares -dúas delas son nais- non son un obstáculo á hora de botar unhas risas mentres comentan as xogadas no vestiario, nin para que celebren o resultado do partido, sexa cal sexa, repoñendo forzas cunhas tapas nalgún bar da zona.

O éxito

É difícil atribuír a unha única variable o éxito do equipo feminino de Abellá, cuxa afección está a sorprender a todos, incluso aos equipos que veñen de fóra. «Eu creo que o contrario asústase ao ver as gradas tan cheas», asegura unha das xogadoras, ao tempo que todas recoñecen que saltar ao terreo de xogo e ver que tanta xente está alí por elas, é unha sensación flipante.