De festa co repenique das campás da igrexa de Pantiñobre

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol ARZÚA / LA VOZ

ARZÚA

O serán que se celebra mañá nesa aldea reivindica o vello oficio cun obradoiro único

10 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Toparse con alguén co traballo de Víctor Curros é case como encontrar unha agulla nun palleiro. Pero Alejandro Vidal tivo a sorte hai catro años e ata hoxe. Conta que lle botou o ollo no invencible Luar, que coincidiu con el no festival folk de Touro e desde entón, Víctor ten, ás portas do verán, unha cita ineludible en Pantiñobre, onde fará sonar as campás da igrexa desta parroquia de Arzúa como o facían outrora cando se estaba de festa. Será mañá pola tarde no serán que impulsaron os mozos do grupo de música tradicional Os do Pilón, que atoparon no repenique das campás «algo distinto que nos identifica porque foliadas hai moitas», conta dende a organización Adrián Sánchez.

É así como ese encontro co folclore galego que se celebra en Arzúa reivindica, pon en valor e dá visibilidade a un vello oficio no que Víctor é unha excepción. «Paréceme que é bastante difícil atopalos», comenta este mozo de 23 anos, natural de Boqueixón, sobre os seus colegas de oficio. El representa a quinta xeración dunha familia de campaneiros, os da coñecida polos veciños como «Casa do Giro de Lamas», onde Víctor Curros aprendeu de neno todos os códigos, e sabedoría, que encerra a linguaxe das campás. Como mestre, tivo o mellor: o seu avó materno, José Rey, que lle legou un oficio do que no serán de Pantiñobre impartirá o único obradoiro de repenique de campás de Galicia.

O que ensine no campanario da igrexa parroquial será «o básico». Isto é: un par de ritmos de muiñeiras e de xotas, pois, segundo conta, é como soan as badaladas cando se anuncia festa. «Os campaneiros miraban de tocar o que escoitaban e iso aplicábano a dous toques», explica Víctor, cun oído fino que tamén traballa dende a súa afección como gaiteiro. Comenta o campaneiro de Boqueixón que das numerosas sinais de aviso que tiñan as campás «un toque que non se perdeu é o que anuncia que hai defunto». «E iso é o que non pode ser, que toquen solo a morte», interrompe Alejandro Vidal, da organización, para explicar o porque da recuperación do repenique na festa que organiza a agrupación musical da que forma parte.

Di este mozo de Arzúa que se foi vivir á parroquia dos seus avós cando se independizou que «non hai quen toque a campá porque non hai xente nova no rural. Para repenicar -explica- hai que subir ao campanario e os maiores xa non están para iso». E ten palabras para eles o campaneiro que impartirá o taller cando afirma que «é un orgullo grandísimo ver como a xente maior vén e quere volver subir ao campanario». «Gústalles recordar o que facían ha vinte anos», engade Adrián Sánchez.

Á xente de Pantiñobre estanlle especialmente agradecidos os compoñentes de Os do Pilón. Pola súa implicación no serán de mañá -é a asociación veciñal á que se encarga do avituallamento dos festeiros- e por cederlles durante todo o ano a vella escola unitaria para os ensaios da agrupación musical. Esta naceu a raíz do primeiro serán, «que foi unha reunión de amigos que nos xuntamos para comer un churrasco», lembra Alejandro. Catro anos despois, aínda que con moita máis xente, a festa, que se fai con máis vontade que cartos, mantén a esencia. E os músicos que mañá se reunirán na parroquia «son de grupos amigos aos que nós tamén lles respondemos cando nos chaman», di. Os Carapaus, entre outras formacións que farán do serán de Pantiñobre «unha festa das que non se ven no rural, chea de xente nova».