Arzúa dálle a man ás queixeiras

n. noguerol arzúa / la voz

ARZÚA

Concha é unha das protagonistas da cinta sobre as queixeiras.
Concha é unha das protagonistas da cinta sobre as queixeiras. Maos innovación social soc. coop. Galega< / span>

Un vídeo pon en valor o tradicional oficio que orixina a Festa do Queixo

25 feb 2015 . Actualizado a las 10:36 h.

A Concha encantáballe ir ás feiras de nena. Acompañaba á súa nai, de quen aprendeu a facer e a vender queixos, que tamén ten o seu aquel. «Íamos no coche das oito e cando chegabamos a Melide, con dous cestos de queixos, xa estaban alí esperando para mercar señores que viñan de Ourense, Lugo, Pontevedra, de moitos sitios», lembra. Concha é unha das tres queixeiras que participaron na gravación dun vídeo que encargou o Concello de Arzúa para homenaxear e pór en valor o traballo dunhas mulleres que custodian a tradición na que xermola a Festa do Queixo.

Con motivo do corenta aniversario da cita de exaltación gastronómica, que se celebra a fin de semana que vén, presentouse a produción audiovisual. Da man das queixeiras chámase o traballo no que tres mulleres falan do pasado, do presente e do futuro da elaboración artesanal dun dos produtos que prestixian a mesa galega.

Dúas protagonistas máis

Evangelina e Lola son as outras dúas protagonistas do vídeo, no que as queixeiras comparten o segredos na elaboración do queixo galego. «No inverno, botámoslle o callo ao dereito de colar o leite cando vén da vaca, e no verán, deixámolo arrefriar un pouco», explica Concha mentres apresa a masa do queixo. «Unha vez que lle quito o soro, bótolle sal, do fino», continúa Evangelina, a quen lle toma a palabra Lola contar que logo «métoo na queixeira e vai escorrendo e tratando de curar; e despois á neveira: antes curábanse sen neveira polo que había que mudarlle todos dos días os trapos e lavalos cando tiñan falta».

E se o proceso de curación mudou, non tanto o feito en si de vender o produto nas feiras. Conta Concha que «na praza hai que pasar moito frío e ter moita paciencia porque hai que estar alí toda a mañá esperando e vénche un e lévache un queixo, e outro, dous, pero, ao mellor, vénche outro e non che leva ningún porque lle parecen caros». Do tira e afrouxa no prezo final do produto semella que non ten bo recordo Evangelina, que, logo de contalo, comenta que «non me gustaban as feiras».

Si o oficio, cousa de mulleres. «Os homes aquí, de queixo, nada», comenta a muller, que estaría «encantada» se a súa neta, que «saber facer os queixos», se decidise a preservar o relevo xeracional. Pero tamén entende se non o fai: «A xente nova pode dicir paro aquí se ten outro traballo, pero para vivir soamente dos animais é un barullo», di. Lola, que leva «anos» facendo queixo, resístese a crer que a tradición esmorecerá. «Quixera que quede alguén para seguir facendo queixo, aínda que nada máis sexa para comer na casa», di.