Ames acelerará a tramitación de licencias urbanísticas cun rexistro específico

Sara p. Seijo, E. Á.

AMES

O concelleiro comezará a recibir ao público e o departamento ampliará o seu servizo de atención cidadá a tres días semanais

28 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O departamento de Urbanismo do Concello de Ames pon en marcha a partires de setembro novas medidas encamiñadas á axilización de trámites e á ampliación do horario de atención cidadá. Segundo o concelleiro de Urbanismo, Blas García, tomáronse estas decisións porque «un bo e áxil funcionamento do departamento permite un mellor desenvolvemento de Ames».

A primeira das iniciativas consiste na creación dun rexistro específico nas dependencias do departamento, pois ata o momento todos os escritos presentábanse no Rexistro Xeral do Concello, aínda que logo eran derivados a Urbanismo. Deste xeito, «conseguiremos que o departamento sexa clave para este goberno e imos a dotalo dos medios necesarios e da atención oportuna para que abandone o desamparo», explica o concelleiro.

Coa creación dun rexistro independente, o Concello poderá reducir o tempo de tramitación de todas as licencias que reciban no departamento. Segundo cálculos dos responsables de Urbanismo, con esta medida poderíanse acelerar as tramitacións entre tres e dez días. Ademais, dende setembro, informarase directamente aos usuarios desde estas dependencias, da documentación e modelos oficiais que precisan para a tramitación dos expedientes.

Urbanismo tamén busca a ampliación dos horarios de atención ao público, pois ata o momento o persoal so atendía dous días á semana. Deste xeito, coa nova medida, serán tres días os que o equipo estea ao servizo da cidadanía nas oficinas. Cómpre sinalar que o departamento conta coa colaboración da Policía Local para notificacións, denuncias e infraccións.

Ademais, desde o vindeiro mes o concelleiro de Urbanismo, Blas García, comezará a atender ao público nas dependencias do departamento, unha vez fixada unha axenda específica para a atención cidadá.

«Conseguiremos que Urbanismo sexa clave para este goberno e imos a dotalo dos medios necesarios»

Blas García