O encontro de músicos tradicionais de A Baña cumpre dezaseis anos con merenda e acampada

E. F. A BAÑA / LA VOZ

A BAÑA

FORXAN

02 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Baña encheuse de ambiente festeiro para celebrar os dezaseis anos de historia da súa Festa Rachada, o encontro de músicos tradicionais e amantes da festa, sen megafonías e escenarios, e con merendas e acampada incluída na mellor celebración enxebre de todo o área de Santiago.

Como cada primeiro sábado de xullo, a Asociación Cultura Os Campantes da Baña organizou o encontro na área recreativa Agra de Chans, na capital municipal bañesa.

Despois dos bailes con As Chipas de Compostela, Os Ghorxardentes e A Requinta da Laxeira, chegaba o prato forte da xornada co serán musical. Por Chans desfilaron Os Fondaos do Pífaro, co estrondo dos seus bombos, seguidos dos Armadanzas de Laraño cunha ampla representación.

A programación está pensada para todos públicos, o que permitiu que os máis pequenos puidesen disfrutar da actuación de Peter Punk, rematando as actuacións con Airiños da Freba, chegados dende Sarria, e Río de Anxo, herdeiros de Os Rosales de Rianxo, que ao igual que Airiños da Freba estreábanse na cita bañesa. Rematadas as propostas para os máis cativos, continuou a foliada da Baña ata altas horas, despois de que durante a tarde se celebrasen competicións de xogos populares cun xamón como premio para os gañadores desta festa consolidada hai anos.