A primeira Xornada do Rural Pousa Antelo abrirá un debate sobre o futuro do agro

E.F.

A BAÑA

A actividade, que organiza a asociación cultural Afonso Eanes, celebrarase o sábado 17

07 oct 2015 . Actualizado a las 10:12 h.

A asociación cultural Afonso Eanes deu a coñecer o programa da primeira Xornada do Rural Pousa Antelo, a celebrarse o sábado 17 de outubro no local social de Cabanas, en A Baña.

A conferencia sobre as repoboacións forestais forzosas durante a ditadura franquista na Baña, a cargo do historiador e membro da directiva, Bruno Esperante, abrirá a xornada a partir das 10.15 horas. Seguiralle as reflexións arredor do libro O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa. O caso galego, polos seus autores, Xoán Carlos Carreira Pérez e Emilio Carral Vilariño.

O programa continuará con intervencións sobre a certificación forestal a cargo do enxeñeiro José Manuel Bouzas Tomé. A charla sobre as posibilidades da diversificación agraria en Galicia vai ser un tema abordado por de Xosé Antonio Meixide, enxeñeiro técnico e profesor na CFEA de Guísamo, una intervención que vai completar a xornada de mañá.

O futuro do sector lácteo

Despois do xantar, haberá un roteiro por Cabanas, e retomaranse as charlas con Álvaro Núñez Ferreiro, que falará sobre o despoboamento no rural, xunto con Mariano Pazos, gandeiro da Baña e membro da executiva do Sindicato Labrego Galego, que ofrecerá a súa visión sobre as dificultades e oportunidades da explotación gandeira nun momento especialmente complexo.

Unha mesa redonda sobre o problema dos prezos do leite, cos antes citados xunto a Cándido Iglesias, gandeiro xubilado, dará paso ás conclusións dos ponentes sobre que depara o futuro para o rural.