Doce concellos impulsan un programa para promover o uso do galego dende a infancia

r. m.

A BAÑA

A firma do protocolo reuniu en Raxoi a alcaldes e concelleiros dos doce municipios implicado<span lang= es-es >s. </span>
A firma do protocolo reuniu en Raxoi a alcaldes e concelleiros dos doce municipios implicados. xoán a. soler< / span>

Municipios da Coruña, Pontevedra e Ourense únense nunha iniciativa de Santiago aberta a futuras adhesións

24 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha ducia de municipios das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra poñerán en marcha o vindeiro maio un programa de promoción do galego dende as idades máis temperás. A iniciativa, que partiu de Santiago, agarda sumar novos socios, pero de momento os responsables políticos de Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Vigo, A Baña e Negreira, ademais de Compostela, xa asinaron onte o protocolo que os compromete cun programa que quere introducir o galego como lingua inicial e habitual dos cativos nos seus municipios.

Iso fai ás embarazadas tamén obxectivo deste programa. Para que se vaian familiarizando con nomes en galego e concienciando con esta iniciativa, os concellos participantes repartirán caixas entres aquelas que o demanden con información relativa a esta campaña, un cedé de nanas e un boneco deses aos que os cativos acaban collendo ese apego que os fai inseparables.

«

Un proxecto común

»

Precisamente de aí vén o nome da iniciativa, Apego, que se dará a coñecer tamén con campañas sustentadas en argumentos a prol do uso do galego cos pequenos e para facilitar, no ámbito familiar e educativo, o acceso a recursos, redes, materiais e servizos que faciliten o incremento da porcentaxe de nenos que adquiren o galego como lingua inicial e no contexto familiar e social.

Segundo o alcalde compostelán, Agustín Hernández, quen onte asinou o protocolo cos seus homólogos e concelleiros dos once concellos restantes, iniciativas coma esta son importantes para garantir o mantemento «da nosa lingua e que forme parte do noso futuro». Por iso, engadiu, «hoxe é un día para felicitarnos, porque vimos demostrar que a defensa e a promoción do noso idioma é un proxecto común, unha cuestión de país, por riba de posicionamentos ideolóxicos ou de debates estériles».

A achega de cada concello á campaña depende da súa poboación. No caso de Santiago serán 24.000 euros, indicou Hernández logo dun acto no que puxeron música en directo Xavier Díaz e Guillerme Fernández.