Xosé Sánchez Bugallo: «Moitos terán que elixir entre o mellor para o seu partido ou para Santiago»

Xurxo Melchor
xurxo melchor SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O candidato do PSOE acusa a CA de ter estado «de vacacións» e de non ser capaz de xestionar os cartos para obras, vivenda e emprego

22 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras oito anos afastado da política local e mesmo retirado xa da política, Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) volve liderar o PSdeG-PSOE no seu intento de recuperar a alcaldía de Santiago, a cidade á que chegou con sete anos e que gobernou entre 1998 e o 2011. Todo fai pensar que as eleccións serán un duelo entre el e Martiño Noriega, e por iso lanza unha mensaxe directa aos votantes doutras formacións, mesmo aos do PP, que non queren que Compostela Aberta goberne Raxoi catro anos máis. «O vindeiro domingo moitos terán que elixir entre o que é o mellor para o seu partido e o que é o mellor para Santiago, e terán que votar en consecuencia». E advirte: «Eu pídolle apoio á xente para que Santiago sexa forte, e para iso ten que ter un goberno con capacidade de gobernar; doutro xeito non será posible recuperar o atraso que trouxo a perda destes últimos oito anos e afrontar os retos que veñen no 2021 e o 2027».

-Imaxino que viu no seu día a primeira triloxía da «Guerra das galaxias», a boa.

-Si, claro.

-Cal foi para vostede a mellor?

-Xa sei por onde vai...

-Para min foi «O imperio contraataca». O que quero saber é se pensa que hai segundas partes boas.

-Hai moitas triloxías nas cales incluso as tres partes son boas, e A guerra das galaxias é unha delas. Tamén na Triloxía da fundación, de Isaac Asimov, as tres partes son boas e a obra é incompleta. Polo tanto, iso de que nunca segundas partes foron boas ás veces é así e ás veces non, depende. Ás veces, nin as primeiras partes son boas.

-Esta campaña é un pouco «O retorno do Jedi», non?

-Dende o punto de vista persoal, é volver facer cousas que pensei que xa non ía facer máis na miña vida. Pensei que esta era unha páxina que xa pasara, mais eu teño vocación de servizo, un enorme amor pola miña cidade e, se son requirido, non son unha persoa que se negue. Todo o que teña que ver con Santiago cómeme a moral, admítoo. Cando vexo eses autobuses que caen de vellos, camións do lixo que botan líquidos por todas partes, que a cidade non crece e non hai novos proxectos e que vai quedando apagada a verdade é que me revolvo. Porque vou a outros lados e vexo como eles teñen a crise superada e configuraron un novo escenario aínda mellor que o de antes. E podería poñer os exemplos de Pontevedra e Vigo [gobernadas polo BNG e o PSOE] e pregúntome: e nós que? Por que quedamos atrás? Recoñezo que por iso estou de volta. As patas principais de Santiago, que son a administración e o turismo, son estables e non están en crise. Logo, por que non arrancamos? Pois porque non hai proxecto, nin xestión, nin inversión.

-As enquisas sitúano como a forza máis votada da esquerda sen maioría. A quen prefire como socio, a CA ou ao BNG?

-Non se pode anticipar ningún resultado. Todas as enquisas son aproximacións que a partir do domingo pasan ser anécdotas. O único que vale é o resultado do 26M e, sinceramente, non está pechado a día de hoxe.

-Pregunto porque no Bloque teñen boas lembranzas do bipartito compostelán.

-Que o bipartito foi moi positivo para Santiago é indubidable. Que iso sexa o futuro, verémolo.

-En cambio, non vexo a Noriega de tenente de alcalde seu. Ou si?

-É verdade que esta etapa é dunha confrontación bastante dura. Seguramente a el gustaríalle que, partindo dunha especie de solidariedade esquerdista, nós miraramos para outro lado e que falaramos doutras cousas, pero eu non estou disposto. Eu preséntome porque a cidade quedou atrás, porque non hai proxecto, xestión nin inversión. Teño que dicir que Santiago perdeu estes catro anos porque é así. Non todo o fai mal Compostela Aberta, por exemplo a festa de Conxo faina ben; agora que iso só non xustifica un mandato municipal nin é un proxecto estratéxico que vaia sacar adiante a cidade. As cousas boas que fai CA conservarémolas e mellorarémolas, pero hai temas que non poden ser.

-Como cales?

-Pois que un concello devolva todos os fondos de axuda á vivenda porque non é capaz de investir un só euro. Iso é incualificable. Ou que devolva o 50 % dos fondos para creación de emprego porque non é capaz de poñer en marcha iniciativas para crear emprego, sobre todo para persoas en risco de exclusión social. Paréceme un escándalo, como tamén que deixe o 75 % do orzamento de obras sen executar porque non é capaz de rematar as obras que, ademais, son proxectos herdados da etapa do PP, como Montero Ríos, avenida de Vilagarcía ou Castrón Douro, que está paralizado e case que vai requirir algún tipo de explicación. E ademais diso deixan no banco vinte millóns de euros de cartos correspondentes a obras que tiñan que executar e non se executaron... O resumo está claro, foron tres anos de vacacións e un ano de traballo, e a este ritmo é imposible que Santiago recupere as posicións perdidas.

«Noriega topou co listón tirado polo chan e debeu pensar que só tiña que non tropezar con el»

Bugallo é claro á hora de falar de éxitos ou fracasos e ve «evidente que se non son alcalde non será un triunfo», porque é para o que el se presenta. Agora ben, tamén deixa claro que a súa intención será estar os catro anos en Raxoi, tanto se goberna como se non. «Para min Santiago non é un trampolín. A miña intención é, cando deixe a alcaldía, ir para a miña casa, seguir a gozar dos parques de Santiago e andar. O meu obxectivo é ser alcalde e cumprir o mandato de catro anos para reconducir a cidade. E, se perdo, teño un compromiso de permanencia, que só aceptaría reconsideralo no caso de que o interese xeral da cidade así o requirira, porque se é así eu estou a disposición da cidade, tanto para marchar como para quedar, como o estiven para volver», asegura.

-Que balance fai do goberno de Martiño Noriega?

-Martiño chegou a Santiago e topou co listón tirado polo chan, e debeu pensar que para superalo só tiña que non tropezar con el. Pero non se falou do proxecto de cidade, nin da xestión nin de nada, porque non o saben. Conformouse cun relato, bo dende o punto de vista literario, pero no que a distancia entre os ditos e os feitos é absolutamente sideral.

-En tres puntos, cal é o seu plan de choque se chega ao goberno?

-O primeiro, o ano santo. Hai que crear unha comisión e poñerse a traballar coma tolos, e encargar un plan director para preparar a acollida de millóns de persoas, a limpeza, a seguridade e a promoción da cidade, con actividades complementarias. E disto non está resolto nada, hai que empezar de cero e nunca nos pasou que a 18 meses do Xacobeo non haxa nada previsto. Imos afrontar o ano santo do 2021 en peores condicións que o de 1993, por exemplo en efectivos policiais, bombeiros e un montón de servizos. Segundo, os contratos de transporte e o lixo, con servizos que caen a anacos, temos que afrontalos porque é algo vital para a cidade. Terceiro, todas as obras comprometidas e non executadas. Porque, por exemplo, creo que os veciños de Vite, que saben que desde o 2017 hai un orzamento de 2,1 millóns de euros para investir no seu barrio e que non se fixo nada porque os cartos están no banco, van aparecer reclamando. E logo tamén está a xestión interna do Concello, que hai que mellorala porque non pode ser que unha licenza ordinaria tarde ata tres anos se é na zona histórica. Así quen vai investir en Santiago?