A factoría Niké de Arturo Cuadrado

Quique Alvarellos

SANTIAGO

Fundación Seoane

Nos anos 30 funcionaba no número 18 da rúa Caldeiraría

10 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Era unha libraría moi singular, tamén era unha editorial, e unha tertulia... e unha barraca artística ambulante. Todo isto era Niké. Unha verdadeira factoría cultural adiantadísima ao seu tempo. Viaxemos, de novo, aos anos da República en Compostela, pois aquel breve período deu froitos para encher un século. Enormes froitos e, tamén axiña, penosas frustracións colectivas. Hoxe contaremos as dúas pero, sobre todo, imos recoller as ensinanzas dos tempos de creación e esperanza.

Cando paseemos por diante do número 18 da acolledora e comercial rúa da Caldeiraría pechemos os ollos e escoitemos os ecos dentro. Alí traballaron e soñaron, dende finais dos anos 20 e ata o estourido da guerra, Arturo Cuadrado Moure e Xoán Xesús González. Rexentaban a Libraría Niké. Recolleron o nome da deusa grega da vitoria, pois cara ela camiñaban. E montaron un negocio tan singular que os propios clientes eran os que pagaban os libros unha vez lidos e en función de se lles gustaran ou non.

Como editor, Arturo publicou a singularísima e moderna revista Resol, impresa en cores, e unhas paxariñas de papel con poemas/sorpresa dentro. Subtitulábase a revista Hojilla volandera del pueblo e repartíase pola cidade, e polo mercado...

Precisamente, un ano despois da chegada a Santiago de La Barraca teatral de García Lorca, Cuadrado fundou a Barraca Resol, instalada no verán de 1933 no campo da feira de Santa Susana. Contiña obras de Maside, Colmeiro, Seoane, Eiroa... A idea era espallar arte e cultura onde menos un o esperaría, a feira de gando neste caso. Velaquí a ensinanza. Seica foi un mozo Isaac Díaz Pardo, de trece anos, quen rotulou os carteis daquela Barraca de Santa Susana.

O golpe de Franco colleu a Arturo entregando o Estatuto de Autonomía en Madrid. Niké foi destruída (igual que a editora Nós, de Ánxel Casal). Cuadrado exiliouse a Bos Aires e alí sería tamén un enorme editor e dinamizador cultural. Non pisaría Galicia ata 1976. Sempre mancado pola distancia, visitou Santiago por última vez a comezos dos noventa e aquí o temos no seu derradeiro brinde na súa amada Compostela, por onde paseara con García Lorca, con Valle-Inclán ou con Gómez de la Serna. Ten estudado moito a súa vida o profesor Antonio Chaves Cuíñas, e a Fundación Seoane organizou unha mostra na súa honra no seu primeiro cabodano en 1999. Pero a súa figura hoxe, aos vinte anos da súa morte, está moi esquecida. Tamén a do seu compañeiro na libraría Niké, Xoán Xesús González, quen ten unha biografía igual de intensa, pero moitísimo máis breve.... Mestre, xornalista, poeta, avogado. Nacionalista e socialista. Era todo un dandi. Foi un dos combatentes do Terzo de Calo que intentou frear en Compostela o golpe de Franco. Fusilárono os falanxistas o 12 de setembro do 36 na tapia do cemiterio de Boisaca.

En fin. Foron as dúas caras, a ilusión e logo traxedia, todo na mesma década. Os que coñeceron a Arturo Cuadrado falan da súa personalidade excepcional e arrebatadora, como nos comenta o artista Vizoso ou a historiadora María Esther Rodríguez. Pois así o queremos lembrar hoxe. Coma o home que soñou, con Xoán Xesús González, unha inesquecible factoría cultural. Un brinde por el, por eles!

editor@alvarellos.info