«En 80 centros da zona de Santiago solicitaron xa formación á medida»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O último curso organizaron 556 actividades, que tiveron máis de 43.000 inscricións de docentes do país

16 jul 2017 . Actualizado a las 22:48 h.

«A oferta formativa do profesorado está vinculada agora ao modelo de competencias profesionais docentes publicado en maio de 2015, e que se promoveu desde o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)», afirma o seu director, Ángel Rodríguez. «O próximo curso a formación insistirá nas linguas, na educación dixital; nas disciplinas científicas vinculadas ás materias de libre configuración, e tamén na formación de directivos e en convivencia», detalla. O CAFI programa en Lamas de Abade para máis de 5.700 docentes de centros públicos e concertados de 37 municipios do sur da provincia, e tamén para o resto do país.

-¿Como é que se elaboraron esas competencias para docentes?

-Comezamos a traballar no ano 2014. Foi unha proposta avanzada no Estado, pois só tiñan iniciado algo en Castela e León. Partimos da experiencia desta comunidade, estudamos a situación na UE, e vimos como todas as directivas europeas apuntaban á necesidade de definir competencias profesionais docentes, e instaban a todos os países membros para avanzar nese camiño. Elaboramos unha proposta no CAFI, que se discutiu e pactou coa consellería e cos outros seis centros galegos de formación de docentes.

-¿Que teñen de relevante esas competencias?

-Hoxe non se entende un profesor só como transmisor de coñecementos nunha aula. A educación actual contempla moitos roles diferenciados no centro de ensino, que son as competencias.

-¿Que roles son eses?

-Primeiro, ser educador e guía da aula. Tamén se entende o docente como membro dun equipo, que conviva e se relacione con colegas, familias, alumnado e persoal non docente; que sexa interlocutor e referente da comunidade educativa; e investigador e innovador nos aspectos metodolóxicos e pedagóxicos.

-¿Como repercute iso no traballo na sala de aula?

-Evidentemente, ten que ser especialista na súa materia, un experto comunicador en linguas maternas e outras linguas estranxeiras, e bo coñecedor das TAC, as tecnoloxías da aprendizaxe e o coñecemento, que son un paso máis respecto das tecnoloxías das información e a comunicación. Esas son as competencias que entendemos debe ter un docente ao longo da súa vida profesional. Iso é un cambio importante no que se entende como formación permanente do profesorado en exercicio.

-¿E do novo profesorado que se incorpora ao sistema?

-A consellería tenta pactar coas universidades que teñan en conta estas competencias cando preparen futuros docentes, para que non se incorporen aos centros con disfuncións. E no horizonte está avanzar para un modelo semellante ao do mir dos médicos para formar docentes.

-¿Como se relacionan esas competencias co plan de formación do profesorado?

-Pois de maneira que todas as actividades de formación que organizamos teñan referencia con cada unha desas sete competencias. E que o profesorado sexa quen de avaliar onde está, e solicitar a formación que máis lle interese segundo o que precise.

-¿Como se fai esa formación?

-Hai varias posibilidades: en rede, presencial, un grupo de traballo, un seminario, ou un proxecto de formación no propio centro. E temos nunha aplicación onde consta a formación do persoal docente en cada competencia. É todo un camiño, para que a formación repercuta positivamente no centro onde se exerza.

-¿Pode ser orientada a formación desde o propio centro?

-Pode, porque o equipo directivo, a través desa aplicación, pode saber como ten o profesorado do centro as competencias e así pedir un proxecto de formación específico para o centro.

-¿Hai moitas solicitudes de proxectos de centro?

-Comezamos no ano 2013 con algo máis de 60 centros en toda Galicia e hoxe son uns 400.

-¿E na zona de competencia directa do CAFI?

-Na nosa zona andamos por 80, dun máximo duns 200 centros, que solicitaron xa formación á medida das súas propias necesidades. É unha modalidade que interesa moito ao profesorado e ao propio centro, por estar contextualizada. Hai que ter en conta que as realidades de dous centros, o perfil do seu profesorado ou a dinámica de traballo, aínda que haxa pouca distancia entre eles, poden ser moi diferentes. E estes proxectos permiten que cada centro defina as súas necesidades de formación.