«Hai que cambiar o chip, non pensar na figura, senón nas necesidades culturais»

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O novo responsable do Auditorio de Galicia ve prioritario reducir as barreiras que quedan para acceder á programación

11 jul 2017 . Actualizado a las 22:02 h.

Xaquín López (1980) tomou posesión como director-xerente do Auditorio de Galicia hai pouco máis dunha semana. Aínda que naceu en As Pontes, aos 11 anos veu para Santiago. «Se hoxe me dedico á cultura é precisamente porque tiven unha oferta na que era algo natural ir ver a orquestra, ao teatro ou ao cinema», di.

-¿A situación é a agardada?

-A situación económica xa a coñecía, e a programación, tamén. Atopeime cousas que agardaba, como un equipo totalmente disposto. Despois, aínda estou aprendendo cousas que non se ven dende o exterior, que teñen que ver coa organización interna e como se buscan as fórmulas para casar a estrutura garantista da administración co devir da economía da cultura.

-¿Que medida ve urxente?

-Temos que mellorar o noso modo de relacionarnos, buscar unha maneira máis eficaz. Hai que manter unha relación directa co público, coñecelo mellor para saber que perfil ten e, tamén, moi importante, a xente que non vén. Aí poderemos segmentar a nosa comunicación e establecer canais directos, a través do e-mail márketing e un novo sistema de ticketing máis accesible.

-¿En que se traduce iso?

-Na comunicación cultural o modelo que mellor funciona é o boca-orella, que fai que acudan aos espectáculos. O modelo relacional non deixa de ser iso: establecer ferramentas para que a persoa sinta que lle estamos falando a ela en exclusiva e que teñamos canles para escoitala. Con iso imos conseguir que os nosos públicos estean máis fidelizados, que se sintan parte do feito cultural e, nun futuro, servirán de prescriptores da nosa actividade.

-Dixo que quería converter o Auditorio nun catalizador cultural e tender pontes co resto de axentes. ¿Falta coordinación?

-Si, pero esa é unha eiva das políticas culturais non só en Galicia senón tamén no resto do Estado. Aínda así, unha das cousas que atopei é que o Auditorio ten esa predisposición á colaboración continua con outras institucións culturais do país e da cidade

-O proxecto é por cinco anos, ¿que papel lle gustaría que representase o Auditorio?

-Gustaríame que poidamos medir o nivel de satisfacción dos nosos públicos e que ao final dese tempo o resultado sexa positivo.

-¿Que novidades pretende introducir na programación?

-Ideas teño moitas, pero agora aínda estamos na fase de diagnose no equipo directivo e, a partir de aí, introducir melloras nas grandes liñas programáticas.

-¿Pero vai haber novas liñas?

-Hai que ter en conta que os recursos descenderon en todas as administracións. Tamén que os programas que desenvolve o Auditorio son moi consolidados, sobre todo os de teatro, danza, o de exposicións, o didáctico, os vinculados ao cinema, así como a tempada de abono da Filharmonía. Esa son as pezas angulares da programación, onde hai que introducir melloras, evidentemente. E despois hai que valorar en que medida todos os outros programas satélites se poden mellorar, cambiar ou incorporar novas liñas.

-Fala de orzamentos, medraron este ano pero seguen lonxe dos de hai unha década.

-A situación económica é complicada e, aínda que a tendencia é a alza, seríamos incautos pensando que imos ter un orzamento similar os de anos como o 2010, porque o escenario económico non o vai permitir nun prazo inmediato. Nese escenario temos que buscar a forma de manter unha programación de calidade con menos recursos.

-¿Que vai caracterizar a programación desenvolvida?

-O que me gustaría é que garantise a accesibilidade a cantas máis persoas do entorno de Compostela mellor.

-Dixo na presentación que os prezos non eran un obstáculo e fala de garantir a accesibilidade. ¿Segue habendo barreiras?

-Aínda existen barreiras. As maiores son as que veñen determinadas polo nivel educativo e pola transmisión de capital cultural a través do entorno familiar. Non teñen nada que ver cos prezos. Temos que mellorar para minorar esas barreiras e intentar subir a taxa de penetración das disciplinas artísticas das que nos encargamos na programación.

-Fala de diminuír barreiras.

-A intención é que os camiños que o público inicia nos didácticos poida continuar na etapa adulta e que, ademais, a experiencia de asistir a un acto cultural vaia máis alá. Por iso trataremos de facer actividades complementarias, e que a xente que nunca se achegou veña.

-O ano pasado a programación cultural reuniu a 138.000 persoas. ¿Márcase algún obxectivo?

-É perigoso medir o público nunha cantidade global, porque catrocentas persoas no Principal é o 100 % e no Auditorio non chegan ao 50. Temos que traballar con indicadores e construiremos un sistema de avaliación continuada. Non imos valorar o éxito dunha programación cultural polo público, non debemos.

-Cando se fala de Santiago como referente, diversas voces do sector cultural ven necesario que se dea un paso máis.

-Creo que a cultura é un dos piares identitarios de Santiago, entendida en sentido amplo, non só no artístico. É un referente para todos os galegos e para todas as persoas de fóra de Galicia, que o teñen como lugar simbólico e referente dunha cultura propia.

-¿Vai gañar máis peso entón a produción galega?

-Santiago como capital ten a obriga de ser o escaparate dunha cultura propia, creo que sempre o foi, unhas veces con máis acerto e outras con menos.

-¿Pode volver a Santiago recuperar o pulso dos anos 80-90?

-Santiago nunca vai ser igual que hai 30 anos e non podemos vivir da nostalxia. Non vai ser igual porque o contexto socioeconómico mudou e hai 30 anos a conformación sociodemográfica tiña un altísimo nivel de xente nova, que hoxe non ten. O que temos que facer é construír a Compostela que decidamos, axustándonos a un contexto que no económico non é favorable.

-¿Descartado xa definitivamente traer as grandes figuras, como se falou na presentación?

-Os orzamentos son os que son, e como dixo o alcalde, a que prezos veñen. Insisto en que hai cambiar o chip e non pensar tanto na figura que vai vir, senón nas necesidades culturais que vamos cubrir da xente que se senta na butaca e da que non veu a sentarse nela, entendendo a cultura como un ben e un dereito.

«Santiago nunca vai ser igual que hai 30 anos e non podemos vivir na nostalxia»

«Manteremos as pezas angulares da programación,

aínda que hai que introducir melloras»