«Medo non, pero respecto si cando se está a falar de ascenso»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

Explica que «xuño é un mes de moitos contactos, chamadas e xuntanzas con futbolistas e representantes»

19 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Castiñeiras (Santiago, 1979) é o director deportivo do Compostela, o encargado de confeccionar unha plantiña que no vindeiro curso loite por acadar o ascenso á Segunda División B.

?¿Xuño é o pior mes do ano para un director deportivo?

?Agora mesmo é o mes de máis traballo, porque hai que xestionar as renovacións, as altas e baixas, e buscar os xogadores que queremos asinar para facer o equipo anticipándonos aos demais rivais. Pero non se fai só nun mes. Xa temos unha lista preparada cos futbolistas que nos interesan. Sabemos que non vai saír todo ben á primeira e por iso son moitos os xogadores que estamos a seguir ao longo do ano. Xuño é un mes de moitos contactos, de moitas chamadas e xuntanzas con futbolistas e representantes. Tamén hai que facer números para cadrar os presupostos.

?¿Mira máis para os rivais ou para os seus futbolistas?

?Fíxome moito no meu equipo para saber os xogadores que interesan para a vindeira tempada. Logo vanse facendo diferentes análises doutros xogadores. Sempre tes que ter unha idea de tres ou catro futbolistas por posto e precisas dunha base de datos de todos os futbolistas da categoría para avanzar de cara ao verán seguinte.

?¿É moi longa a lista que vostede manexa?

?A lista é longa porque hai varios nomes para cada posto. Incluso ás veces tes tres ou catro por posición e veste na obriga de asinar a alguén que non tes na túa lista inicial.

?O Compos xa anunciou catro fichaxes, o que indica que as xestións do director deportivo están moi avanzadas, ¿non?

?Máis ou menos hai mes e pico que tiñamos claro os xogadores que tiñamos que renovar. Así, sabemos as posicións que queremos contratar. O noventa por cento dos que queriamos renovar aceptaron e iso facilita moito o traballo.

?¿Que lle queda por fichar?

?O dianteiro é o máis complicado, pero todo vai ben encamiñado e conto con ter pechada a plantiña o 30 de xuño. Agora mesmo buscamos un dianteiro e un mediapunta, un centrocampista ofensivo para as dúas bandas. É o que máis urxencia ten. Logo tentaremos atopar outro central. Contando que Tomás poida renovar, chegariamos a vinte xogadores, que é o número que máis ou menos precisamos. Tamén contaremos con algún futbolista da canteira para adestrarse co primeiro equipo.

?¿Que ocorre con Tomás Abelleira?

?Máis ou menos están as cousas claras. Falta algún detalle para pechar. Está de vacacións fóra de Galicia e posiblemente en 48 horas poda xa ser definitiva a súa continuidade.

?¿É Recoba?

?Seguramente vaise dedicar a adestrar, incluso no estranxeiro. Sabemos que é complicada a súa continuidade, agás que se lle torzan as súas intencións.

?¿Dálle medo falar de ascenso?

?Medo non, pero respecto si. Sabemos o complicado que é meterse nunha fase de ascenso e o difícil que é ascender senón es campión de grupo. A idea e meterse no play off. O obxectivo é mellorar o do ano pasado.

?¿Para cando un Compos con once galegos en categoría superior?

?Non o descartamos. Pódese facer en Segunda B. Hai xogadores de nivel para ter un equipo só con galegos. A idea é volcarse coa canteira e ter unha boa metodoloxía co fútbol de base para ir traballando todos os conceptos futbolísticos cos rapaces máis novos.

?¿Afectará a marcha de Javier Bellido no plan que tiña a canteira?

?Contabamos con Javier Bellido para que seguise na dirección deportiva da base, pero decidiu marchar cando o club prescindiu de Juanvi, un home da súa confianza. Rompeu un pouco os nosos plans, pero temos que seguir adiante. Queremos traballar nos equipos da canteira como fai o equipo da Terceira División.