«As cancións envían mensaxes, quero que os nenos aprendan ao escoitalas»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A artista publicou o seu primeiro disco infantil, «Cancións para nenas e nenos»

07 jun 2017 . Actualizado a las 07:06 h.

Coñecida polos seus fados, a cantante María do Ceo da un xiro na súa carreira discográfica de dúas décadas e saca o seu primeiro traballo infantil, Cancións para nenas e nenos. «Fun avoa hai catro anos de dúas mellizas e cantando para elas e escoitándoas fixo que me alumeara una luceciña na cabeza», explica a artista nada en Portugal pero afincada en Ourense, que onte presentou este novo traballo.

O resultado son doce cancións cunha clara intención didáctica. «Sei o que os meniños necesitan. As cancións envían mensaxes, quero que cando os nenos as escoiten, aprendan; que sexa unha cousa que queda aí, non algo que se lle pon para pasar o día pero que non deixa pegada. Neste caso, si que a vai deixar», afirmou María do Ceo, que estivo acompañada nesta estrea en Santiago polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Nese afán didáctico, os doce temas incluídos neste traballo discográfico abordan dende as diferentes razas autóctonas de animais de Galicia, ata cuestións relacionadas coa igualdade ou coa emigración. María do Ceo ponlle voz e música a obras de autores galegos, como A galiña azul, de Carlos Casares, tres poemas de Xosé Neira Vilas ou versos de Luís González Tosar. Ademais, por exemplo, na canción Babel, María do Ceo canta en dez das linguas que se falaron ou falan na Península Ibérica.

O disco está dirixido dende nenos que acaban de nacer -hai unha canción de berce- ata os de doce anos. Pero non só é para os máis pequenos da casa. «Os adultos tamén van descubrir cousas moi bonitas nel, e os nenos vólvense un pouco máis adultos cando escoitan pezas como a Xesta doce, de Tosar», explica a artista.

Pero Cancións para nenas e nenos de María do Ceo non é só música. O traballo preséntase acompañado dun libro no que se recollen as letras dos temas acompañadas de ilustracións. Neste caso, foron feitas tamén por rapaces, o público ao que vai dirixido o disco. A cantante tivo unha lembranza especial para Nerea Abal, a autora dalgúns dos debuxos, que dende pequena padece parálise cerebral e fíxoos empregando a boca. Do prólogo encargouse Xabier Casares Mouriño.

Para este traballo, que supón o décimo terceiro da súa carreira, María do Ceo contou tamén con apoio privado e fíxose de xeito colaborativo. Onte, precisamente, na presentación estivo Manuel Abal Camiña, xerente de Bateamar, un dos que axudaron a sacar adiante esta proposta dirixida aos pequenos da casa. «Hai que agradecer tamén o apoio ás empresas a estas iniciativas, que non sexan só a as administracións», destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Engadiu que o disco de María do Ceo, ademais de acercar o galego aos máis novos da casa, tamén lles dará a coñecer a literatura, ao incluír pezas escritas por Neira Vilas ou Carlos Casares. «Vai ser un éxito, non só no ámbito educativo, senón tamén no familiar, porque é un libro para que os maiores lle lean os máis pequenos, porque así é como incentivamos aos novos lectores, ademais do que supón como práctica da lingua galega», asegurou Valentín García durante a presentación. Ademais, lembrou que este traballo tamén é unha forma de achegar a cultura da lusofonía á Galicia.

«Era hora de que saíra unha ‘parabéns’ en galego». Sentenciou para rematar María do Ceo a presentación. E xa o hai, porque incluíu esta felicitación que enviaba ela aos seus amigos como unha peza máis deste disco-libro que acaba de ver a luz.

A protagonista. María do Ceo, recoñecida como fadista aínda que tamén interpreta outros xéneros, sacou o seu primeiro disco en solitario no ano 1997. Agora que se cumpren vinte anos, ve a luz o décimo terceiro e primeiro infantil.

«Cancións para nenas e nenos». É un libro-disco que inclúe doce temas ilustrados por debuxos de rapaces.