Dodro pide un Día das Letras Galegas para Eusebio Lorenzo Baleirón

Uxía López Rodríguez
uxía lópez DODRO / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

O pleno acorda remitir unha solicitude á Real Academia

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Dodro solicitará á Real Academia Galega (RAG) que dedique un ano o Día das Letras ao poeta do municipio Eusebio Lorenzo Baleirón, falecido hai case 31 anos. Así o acordou onte o pleno da corporación municipal a proposta da Unidade Veciñal de Dodro (UVD), nunha sesión extraordinaria para debater unicamente este punto e á que asistiron veciños do Concello, entre eles o irmán do poeta, Manuel Lorenzo Baleirón, e o escritor de Manselle e presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira.

Non houbo lugar para o debate. UVD, BNG, PSOE e o goberno local (PP) coincidiron que é «de xustiza» que Eusebio Lorenzo Baleirón sexa honrado nun 17 de maio en toda Galicia e de aí que tódolos portavoces políticos expresaron o seu desexo e a súa confianza en que así será.

Foi Fabián Sanmarco, da Unidade Veciñal, o que leu a proposta feita polo seu grupo para resumir a vida e obra do poeta da aldea de Tarrío, na parroquia de San Xulián de Laíño, e quen sinalou que, «pese a súa morte prematura, a obra literaria de Eusebio Lorenzo Baleirón é notable e relativamente extensa». O portavoz da UVD fixo extensible a proposta deste grupo ao resto de partidos políticos e ao conxunto dos veciños de Dodro.

Ao finalizar o pleno, tras un sonoro aplauso, tomou a palabra o irmán do escritor. Manuel Lorenzo agradeceu, en nome da familia, a celebración do pleno, que cualificou de «acto fermosísimo e emocionante» xa que, lembrou, «dedicar o Día das Letras Galegas é o máximo recoñecemento neste país para un escritor», polo que agradeceu a iniciativa.

O irmán do poeta asegurou que Eusebio «segue vivo na memoria e no cariño de todos».