A árbore

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi AO CONTADO

SANTIAGO

27 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No tramo final que leva á Porta dos Leóns, na Alameda, está a chamada árbore dos namorados. É un vello e maxestuoso eucalipto, rodeado dun banco verde, desde o que se pode contemplar a que é, probablemente, a mellor vista de toda a cidade. O exemplar ten uns 45 metros de altura, un tronco de oito metros de perímetro, e nel levan décadas escribíndose as máis sinceras declaracións de amor. Todo se deteriora co paso do tempo e hai inscricións que apenas son lexibles, do mesmo xeito que moitas relacións que alí empezaron, seguramente, terminarían xa.

Enfronte da base dese eucalipto levántase con solemnidade a Catedral, como un aguia que desprega as súas ás e é capaz de deter o seu voo e quedar suspendida e inmortalizada no aire. Así era esa imaxe a principios do século pasado, cando o gando pasaba preto da Alameda; tamén en plena Guerra Civil e nos estertores do franquismo, cando os estudantes escapaban dos grises pola Ferradura e nunca os alcanzaban porque eran novos e máis rápidos que os seus perseguidores, pesados e vellos, como o Estado ao que servían. A árbore dos namorados foi a gran testemuña impasible desta cidade ao longo de moitas décadas.

Desde alí, un día de 1990, puido escoitarse como miles de gaiteiros daban a benvida a Fraga como presidente da Xunta. Era o mellor lugar para asistir ao concerto, igual que a primeira fila dun teatro. Ao parecer, a árbore ten uns 125 anos de idade. É dicir, que a testemuña impasible viviu xa durante tres séculos, igual que este xornal, un pouco máis vello, e que vén de cumprir os 135.