Os heroes

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi AO CONTADO

SANTIAGO

18 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que neste país levantábanse placas case tódolos días. Non había polideportivo, centro de saúde ou residencia de maiores que non tivera á entrada o nome do político que a inauguraba. E case sempre era Fraga. Foi tal a febre que a medida que pasaba o tempo eses actos oficiais ían perdendo interese. Había xa moito que non se levantaba unha. O pasado martes, no Hostal, descubriuse unha de moito máis valor, illada da parafernalia oficial do cemento. Está dedicada a uns heroes: os nenos da varíola. A escritora e xornalista María Solar ven de narrar esta proeza, a dun pequeno grupo de nenos que partiu a comezos do XIX rumbo a América para levar a vacina, nun tempo non que o virus da enfermidade mataba alá sen piedade; cinco deles, de entre cinco e nove anos, foran abandonados en Compostela, xusto onde hoxe está o Hostal. Nunha habitación dese edificio era onde as nais solteiras deixaban ao seus fillos cando non podían mantelos. Alí está hoxe a placa. Juan Antonio, Jacinto, Gerónimo María, Francisco Florencio e Juan Francisco son, xunto a outros 17 pequenos, os que embarcaron na corveta María Pita un 30 de xaneiro de 1803, nunha expedición filantrópica dirixida por dous médicos, Francisco Javier Balmis e Josep Salvany, e na que estaba tamén a enfermeira Isabel Zendal. Unha viaxe fermosa, de esperanza e solidariedade, que rescata do esquecemento o libro da xornalista e escritora María Solar. A eses pequenos, a eses heroes, que levaron a vacina no brazo para salvar vidas á outra beira do Atlántico dedicáronlle unha merecidísima placa. E eu dedícolle esta columna.