Así foi o discurso de Marilar Aleixandre ao ingresar na RAG: feminismo e paisaxe

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO

SANTIAGO

Xoán A. Soler

A escritora ocupou no 2017 a vacante que deixou o finado Xosé Neira Vilas

15 ene 2017 . Actualizado a las 23:03 h.

«Voces termando da paisaxe galega» foi o título do discurso que a escritora, bióloga e catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais da USC, Marilar Aleixandre, escolleu para o seu ingreso na Real Academia Galega. Aleixandre ocupa o lugar que deixou Xosé Neira Vilas, e a el foron dedicados os seus primeiros parágrafos. Nunha intervención sentida e feminista, Marilar Aleixandre reivindicou a necesidade de termar da paisaxe galega. Escolleu a palabra termar, e non preservar ou defender, porque ao significado físico de manter algo se une o emocional de coidar, de ter conta de. A paisaxe galega está ameazada. Mais non so as rochas, as lagoas, as fervenzas, os ríos ou os valados, senón tamén as aldeas, a toponimia, e a lingua que os nomea a todos. Lembrouse esta autora das canteiras de Valdeorras que mutilan a paisaxe; da Ribeira Sacra en perigo pola construción da autovía A-76; da Lagoa da Antela; do val de Castrelo de Miño; do Prestige; do mato e do abruñeiro; pero tamén das aldeas, «se desaparecen ou fican abandonadas o diálogo enmudece, a paisaxe esboróase».

Marilar Aleixandre fixo no seu discurso un percorrido pola lingua e a toponimia e polos versos e textos de escritores e escritoras galegas que defenderon o patrimonio natural e criticaron a súa desaparición. E non esqueceu a figura da muller, sobre todo a de Rosalía, enmudecida pola historia durante moitos anos. Das mulleres e do feminismo nos discursos sobre a paisaxe fixo unha mención especial, «creamos pois paisaxe coa escrita... e as poetas galegas son conscientes das nosas paisaxes estaren ameazadas».

A resposta ao discurso de Marilar correspondeulle a Fina Casalderrey, quen lembrou que é a sétima muller en tomar parte como académica de número da RAG. Fixo un percorrido pola súa biografía desde Madrid ata Vigo, onde revolucionou as aulas no instituto número 5 do Calvario ata que lle chamaron Castelao, chegando a Toba, en Cee, a terra do seu compañeiro, Ramón López Facal, onde fervía a cachón o galeguismo. De Aleixandre dixo Casalderrey que é unha desa voces que terman da paisaxe galega.

O acto celebrouse no paraninfo da Universidade de Santiago e estivo presidido por Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, quen se alegrou dun auditorio cheo de xente de 20, 30, 40, 50 e 60 anos, nun momento no que a literatura e a filosofía, e as institucións que as defenden, «non teñen moito predicamento». Se as autoridades e o goberno se deran conta da súa importancia, contou, «sempre estarían cheos estes actos».