«Tiña o desexo de que os meus fillos coñeceran Etiopía, a súa terra natal»

Brais Capelán SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Presentou en Cineuropa a segunda parte do seu documental no país africano

20 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ovidio Fernández Sánchez (Navia de Suarna, 1962) é un lucense afincado en Santiago e co corazón en Etiopía. Decidiu adoptar un neno do país africano, pero ao coñecer a existencia dun irmán biolóxico, tivo que xuntalos. O seguinte paso foi que coñeceran a súa terra natal. Apoiado na súa profesión como cámara de Televisión Española, Ovidio organizou unha expedición da que saíu Shoots from Abyssinia. Outra viaxe máis e volveu coa segunda parte, Shoots from Abyssinia, o sur, que onte foi presentada en Cineuropa.

-¿Como xurdiu a idea de facer este documental en Etiopía?

-Esta é a segunda parte. Teño dous fillos etíopes: un de 15 anos e outro de 18. Cando adoptei ao primeiro, descubrín que tiña un irmán biolóxico, e quixemos traelo tamén. Por iso escollín Etiopía. Tiña o desexo de que os meus fillos coñeceran a súa terra natal. A primeira viaxe fixémola no 2010, e saíu a primeira parte do documental en 2012. Quedaba pendente visitar o sur do país, sobre todo, porque a etnia gurage, que é a dos meus fillos, está asentada nesa zona. O sur supón un cambio moi drástico, a África máis coñecida. Arrendamos un coche na capital e fixemos moitos quilómetros eu máis os tres fillos. Catarina, a maior, fixo as labores de produción. É unha especie de road movie. Baixamos ata a fronteira de Kenya e regresamos cara o norte.

-¿Cal era o obxectivo final do proxecto?

-Básicamente, que o meu fillo pequeno se reencontrase con seu país e se sentise orgulloso de coñecelo. Trátase dun documental que segue a liña . Intentamos dar unha imaxe real de Etiopía, que se afasta moito do concepto que temos de África. É o país que máis crece e non ten petróleo. Aquí en Galicia xa debemos estar cerca dos 1.000 nenos etíopes adoptados, e hai moitos rapaces que descoñecen a súas raíces. Tratábase de que viran iso. Recordo cando presentamos a primeira parte en Lugo que unha nai agradeceume moito o traballo porque o seu fillo podía estar orgulloso do seu país de orixe.

-¿Supuxo un gran esforzo económico emprender esta viaxe?

-A verdade é que foi barato. Primeiro, porque foi un tema familiar. Tiña a baza de ser cámara en TVE, e puiden comprar unha cámara e levamos outra a maiores. Conseguimos que nos financiase a Xunta os billetes e o aluguer do vehículo. Alí tampouco gastas moito.

-¿Non tivo medo de levar aos fillos a tal aventura?

-Foi todo un pouco improvisado, pero saíu ben. Levas aos pequenos detrás e claro... Na fronteira con Kenya, cruzamos o río con canoas que son troncos de árbores e iso asusta. Ademais, o ano seguinte, no norte de Etiopía, houbo unha masacre de turistas. Pero ao final son casos illados que non poden expandirse a todo o territorio.

-¿Será especial estrear en Santiago?

-Teño aquí aos meus colegas, a miña vida. O meu mundo está en Santiago. Cando estreas na túa cidade asiste moita xente do entorno e as emocións son moito máis fortes. Van os colegas da tele, dos medios... Sempre é un plus.

-O próximo ano cúmprense dúas décadas de Kompostela, o seu primeiro documental.

-Foi un experimento moi raro. Tiven a oportunidade de compartir un curso na Facultade de Xornalismo con Basilio Martín Patino, unha das persoas que máis me influíron. Eu sempre me inspirei nos seus documentais e gustábame o feito de que xogase co límite da ficción e a realidade. Pero Naviegos, os outros arraianos foi a obra que marcou un antes e un despois na miña carreira. Doume conta de que ao final sempre acabo falando de ríos. As miñas debilidades son o Navia, o Nilo e o Amazonas. De feito, teño pendente facer unha historia en América, pero por circunstancias aínda non saíu.