O Ano Santo «militar» de 1937

Quique alvarellos

SANTIAGO

KSADO

A imaxe que temos diante é o espello dunha situación totalmente anormal. Foi tomada por Luís Ksado en decembro de 1936, e publicada en Vida Gallega ao mes seguinte

20 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Viaxemos hoxe ao Ano Santo quizais máis penosamente singular de cantos leva habido. O Ano Santo ‘militar’ de 1937. A imaxe que temos diante é o espello dunha situación totalmente anormal. Foi tomada por Luís Ksado en decembro de 1936, e publicada en Vida Gallega ao mes seguinte. En teoría, asistimos ao acto oficial de apertura da Porta Santa, pero o que aquí vemos é algo moi distinto, semella un exército en formación: firmes tropas e milicias e a banda de requetés de Navarra que interpreta a Marcha Real. Hai outra imaxe máis dese mesmo día, desta volta no Obradoiro, tamén de Ksado, onde se ve o pobo compostelán (unhas trescentas ou catrocentas persoas) aclamando aos requetés en perfecto saúdo franquista. Foi hai xusto oitenta anos. É o noso pasado incómodo.

(Os requetés -ou boinas rojas- eran unha organización paramilitar de combatentes voluntarios, ultracatólicos, procedentes do Carlismo do XIX).

Dediquemos unhas liñas a explicar o contexto histórico: o réxime de Franco practicou o -chamémoslle- “abrazo do oso” coa cultura xacobea. A República minimizara as celebracións e agora, a finais de 1936, en plena Guerra Civil, a Igrexa, vendo como os golpistas abrazaban o fenómeno, e a figura do Apóstolo erixíase como emblema da “nova cruzada”, seguiu lamentablemente o seu perigoso ronsel. Esta apropiación escandalosa do poder (guerracivilista) sobre un feito universal, europeísta e pacifista como é camiñar ao sepulcro de Santiago, sería brutal e duraría, polo menos, vinte anos, ata mediados dos 50. Foi unha pura intervención (como tantas outras en todo o Estado). Ata que o cardeal Quiroga Palacios fixo entrar algo de aire novo -quizais sexa esaxerado chamarlle “aperturismo”- a este secular mundo xacobeo.

(Un libro fundamental para entender todo isto é o que publicou en 2004 Manuel F. Rodríguez: Los Años Santos compostelanos del siglo XX. Crónica de un renacimiento).

Dito isto, sigamos coa nosa imaxe: vendo as páxinas restantes dese número 682 de Vida gallega, un asiste a un verdadeiro desfile de fotografías de guerra, antes e despois desta nosa: a enfermería militar de Cuntis, imaxes en primeiro plano de “Héroes de la Guerra” mortos en combate, desfiles de novo de requetés por Pontevedra, despedida de “varios centenares de falanxistas” na estación de tren de Vigo (“los bravos milicianos marchan a reverdecer los laureles conquistados”, di, exaltado, o pé de foto da revista)... E, no medio, esta apertura da Porta Santa, chamada daquela “Puerta de los perdones”, nunha Quintana que tamén tiña nome distinto: Plaza de los Literarios (unha placa explica hoxe alí este feito).

Houbo peregrinos nese Ano Santo de 1937, seica máis de cen mil (uns 3.000 de fóra de Galicia), pero todo estaba distorsionado polo fascismo e pola guerra: camiñábase como unha especie de purga colectiva dun pecado, e para “salvar España” baixo ese “protector espiritual” que vían no Apóstolo. Era tal o control político das peregrinacións que Franco mesmo decretará un novo Ano Santo, o seguinte, o xubileo extraordinario de 1938.

Mentras, nós, quedamos ollando a friaxe inmensa desta foto de Ksado de hai oitenta anos. E imaxinamos o golpe do badalo, grave, seco, da Berenguela, no medio desta rara “celebración”.

edior@alvarellos.info