A lírica vasca máis sobranceira chega traducida ao galego

La Voz

SANTIAGO

CEDIDA

Isaac Xubín e Ruper Ordorika interpretan a obra poética de Sarrionandia na Sala Capitol

25 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O desta noite non será un recital poético calquera. Xa polo escenario: a Sala Capitol. Non é usual que un auditorio de tales dimensións acolla este tipo de funcións, máis propias de pequenos e antigos locais, onde o ambiente ten gran valor. Pero o gran novidade será a de poder gozar dalgúns dos mellores poemas contemporáneos do País Vasco en galego.

Ruper Ordorika e Isaac Xubín interpretarán esta noite (20.30 horas. Sala Capitol. Entrada libre) a obra poética de Joseba Sarrionandia, un dos máximos referentes da literatura vasca moderna, autor dos títulos máis sobranceiros da lírica da súa rexión. Os seus poemarios foron adaptados ao galego polo poeta coruñés Isaac Xubín en Tempo de exilio, que recibiu o premio Etxepare-Laboral Kutxa de Tradución 2015 polo seu traballo. O coruñés estará acompañado sobre o escenario polo cantautor guipuscoano Ruper Ordorika, que poñerá música aos versos de Sarrionandia.

«Imos compaxinar o meu recitado e as cancións de Ruper en galego e éuscaro», explica Xubín, que recoñece que non é unha actuación que se acostume a facer: «Non creo que haxa moitos exemplo ata o de agora. Facémolo basicamente polo premio que me deron o ano pasado. De feito, Ruper e máis eu non nos coñecíamos antes e só actuamos nun recital xuntos». O desta noite será o primeiro encontro de ambos para interpretar Tempo de exilio ao vivo, nun evento que chegará tamén á Coruña e Vigo.

Sobre a preparación, o poeta coruñés cre que axuda o feito de que recite de memoria: «Facelo sen ler é moito máis dinámico. A entoación non é a mesma e creo que o público o nota nas funcións». «Loxicamente, si que hai que preparalo moito para que todo vaia ben», admite Xubín, que xa colaborou con Ordorika nun festival de poesía.

«O éuscaro non é difícil»

Isaac Xubín cando todavía era estudante de Filoloxía Galega deuse conta das limitacións do mercado laboral: «Ata os compañeiros que sacaban máis nota non tiñan nada garantido e eu pensei que tiña que facer algo alternativo». E o coruñés marchou ao País Vasco para aprender éuscaro e poder traducir obras dese idioma. «O éuscaro non é tan difícil. Ademais, penso que coñecer a lingua e ser poeta axudoume no meu traballo. Ninguén pode traducir unha novela sen ser un amante da literatura», afirma.