A «milla de ouro» dos hoteis

Quique alvarellos

SANTIAGO

Antonio Cancela

A Senra e a Praza de Galicia concentraron máis dunha ducia nos anos 30

25 oct 2016 . Actualizado a las 14:20 h.

Viaxemos á Compostela da primeira metade do século XX. Situémonos na Senra. Diante do edificio Castromil. Botemos unha ollada, de dereita á esquerda, a todos os edificios e negocios que temos diante. Estamos na histórica «milla de ouro» dos hoteis de Santiago. O primeiro á nosa destra é o Hotel Compostela (inaugurado en 1930 e hoxe felizmente aínda en activo); na Senra esquina coas Orfas, o Gran Hotel Europa, a carón -Orfas por medio- do Café Derby (outro resistente, e por moitos anos); nos números 8-10, o Gran Hotel Argentina; logo, Hostal la Unión. Detrás de nós, o célebre Bar Quiqui do edificio Castromil, e á esquerda, a fonda suíza Petit Christian. Ás costas do Castromil, na parte alta do Hórreo, o Hotel La Estrella, o Hotel América...

Enorme densidade hostaleira, sen dúbida. Deixamos para o final desta relación o edificio máis rechamante de todos eles (Castromil á parte): xa no Campo da Estrela emerxían os novos aires da arquitectura europea que chegaron a Compostela da man de Jesús López de Rego. Estamos a falar do hotel La Perla. O inmoble segue a ser hoxe aínda un emblema, espectacular nas súas formas: catro plantas, catro fachadas en orixe, decoración minuciosa... O edificio foi construído entre os anos 1908 e 1912. Destinado en principio para vivendas, acolleu durante un tempo este hotel La Perla, época á que corresponde a imaxe que reproducimos (unha postal arredor de 1915-1918), cedida por Antonio Cancela (que posúe a maior colección completa de guías Michelín do mundo e máis de 8.000 folletos relacionados con hoteis de 140 países).

Hoxe, cunha axencia de viaxes no seu baixo, o edificio mantén o esplendor daqueles días nos que López de Rego trouxo a Compostela (e Galicia) o modernismo. Hai obra del espallada por toda a cidade. Por exemplo, o pazo da Finca do Espiño, que é unha reinterpretación novísima do clásico pazo galego (hoxe en ruínas e pedindo xa ser rehabilitado despois de terse salvado os xardíns) ou a Casa de Máquinas de Galeras (coñecida como «edificio Fenosa», outro caso pendente de re-existencia).

Concluímos esta viaxe fotográfica pola milla de ouro da Senra: no alto de todos estes hoteis trázase un peculiar «sky-line» de torres, ameas e cúpulas dos novos edificios sobre a cidade medieval, e fumegan a eito as grosas chemineas. Diante do Hotel La Perla vemos como repousan o seu ocio os elegantes varóns, e á esquerda da imaxe, as mulleres, coma sempre, en traxe de faena...

editor@alvarellos.info